Á entrada da Coruña pola avenida da Vedra atopamos dúas realidades conectadas: Á esquerda San Vicenzo de Elviña, unha aldea con séculos de vida. Á dereita, un gran espazo con beirarrúas, farolas e uns poucos edificios que se empezou a construír en 2010.
Ambos espazos están unidos sen querelo por un proxecto de case 30 anos: O “Parque Ofimático”. Durante a época de bonanza, foi un dos proxectos nos que se especulou cos terreos de lugares como Xuxán, As Cernadas ou Galán, que xa son historia. Tampouco pensou nas habitantes de Elviña, expropiadas, e agás unhas poucas que resisten, expulsadas das súas casas.
Este proxecto do goberno de Manuel Fraga arrincou en 1990 para ser un polígono tecnolóxico, con empresas punteiras e edificios rechamantes. Paco Vázquez, daquela alcalde da Coruña, ofreceulle os terreos. Malia que foron expropiados, ningunha empresa se interesou e en 1995, a Xunta pide modificar os usos do terreo. Tres anos despois, o Concello aproba que os terreos se destinen a usos comerciais e de vivenda.
Durante anos, o proxecto parou de portas cara a fóra. Foi en 2008 cando se aproba o sistema que se empregue para vivenda pública en réxime de cooperativa. É neses anos cando tamén se inclúen as casas de Elviña no plan: derrubaranse 6 vivendas que se empregarán para equipamento. Malia que se negan, son expulsadas e convertidas en promotoras.
>Desde entón, un lado da avenida esixe desafectar as súas vivendas do plan para seguir vivindo nas súas casas. Do outro lado, propietarios que participan das cooperativas que levan case 10 anos sen poder entrar na súa vivenda. E no medio, tres presidentes da Xunta, catro alcaldes e unha chea de concelleiros e conselleiros que aínda hoxe en 2020, algúns por incapacidade e outros por falta de interese, non atoparon o xeito de remendar esta desfeita.