O xulgado admite a trámite a demanda da Mesa á UNED por impedir o uso do galego

O xulgado central do contencioso administrativo admite a trámite a demanda presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística contra a Universidade a Distancia (UNED), por vulnerar os dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame, por escribilo na nosa lingua.

A UNED defende que “o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán” e que, “en consecuencia”, “non ten obriga de corrixilo”. E o presidente da Mesa, Marcos Maceira recorda que “a UNED é unha universidade pública e, como tal, debe dar exemplo, respectando a oficiliade do galego”. “Ningunha persoa que se examine en Galiza ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame un castelán”, sentencia o presidenta da entidade en defensa da nosa lingua.

Despois de que o rectorado desestimase o recurso de alzada interposto polo alumno, Bieito Lobeira, coa asistencia da Mesa, ésta solicitou xudicialmente que se recoñeza o dereito deste estudante a que “un docente da UNED corrixa e puntúe o seu exame” e “se lle recoñeza o seu dereito a realizar todos os exames na lingua cooficial do territorio no que se examine”, cuestión que o xulgado admitiu a trámite.

A entidade recorda que o artigo 5 do Real Decreto 1239/2011, de 8 de setembro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade Nacional de Educación a Distancia establece que “A UNED, como Universidade Nacional, asume como misións fundamentais a inserción e coordinación entre os diferentes centros asociados de cada unha das Comunidades Autónomas así como o apoio ás linguas e culturas de España”.

Engade no 5a) que “colaborará coas Administracións Autonómicas e demais Administracións Territoriais para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos seus cidadáns en educación superior”, no 5b) que “potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais españolas, tanto en España como no exterior”, no 5c) que “incorporará progresivamente as linguas oficiais españolas ás páxinas web e demais publicacións da Universidade, especialmente en Comunidades con dúas linguas oficiais, cuxos Centros Asociados propiciarán a convivencia enriquecedora das dúas linguas en todas as súas actividades” e no 5d) que “propiciará de forma progresiva que os estudantes poidan ser titorizados na lingua oficial que desexen.”

Ademáis no Regulamento de probas presenciais da UNED aprobado polo Consello de Goberno en o 28 de xuño do 2011 non prohibe, ningún caso, a realización das probas nas linguas cooficiais. A entidade de defensa da lingua agarda que o responsable tome, “á maior brevidade”, as medidas precisas para resolver esta situación e evitar que se repita no futuro.

Na súa demanda, A Mesa recorda, tamén, que ao longo das últimas décadas a UNED foi permitindo a elaboración e presentación de tesinas e teses en galego. E cita, especialmente, o caso do filólogo e profesor de lingua galega Héitor Mera Herbello, quen defendeu a súa tese “Vida e Obra de Bernardino Graña” en galego, en 2009, baixo a dirección de Manuel Rodríguez Alonso, a pesar do impedimento inicial da universidade.

Finalmente, A Mesa subliña que cando, hai 20 anos, o deputado galego Francisco Rodríguez (do BNG) preguntou no Congreso por que a UNED impedía realizar as probas presenciais a nosa lingua, o goberno español contestoulle que “desde o punto de vista legal, tanto estatutaria como regulamentariamente, nada impide a realización de traballos de investigación, publicación e exames nas catro linguas do Estado”, na UNED.

A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en iTunes e Google Play.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego