O ‘Ximnasio Léxico’, a aplicación de xogos do Dicionario da Real Academia Galega

Hai mellor forma para aprender un idioma que xogando? A Real Academia Galega (RAG) ten claro que non e por iso continúa avanzando na incorporación do lúdico no coñecemento da lingua galega. Con esta filosofía, e froito dunha colaboración coa Fundación Barrié, nace o ‘Ximnasio Léxico‘, unha aplicación de xogos baseada no Dicionario da Real Academia Galega que xa pode descargarse en todos os dispositivos móbiles de Android e iOs.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, presentaron esta nova ferramenta concibida para reforzar o vocabulario normativo. “Con esta iniciativa a RAG continúa avanzando na estratexia de incorporar a lingua ás tecnoloxías da comunicación e faino ademais aproveitando os aspectos lúdicos e didácticos, pensando principalmente nas novas xeracións, se ben o Ximnasio Léxico é unha aplicación atractiva para persoas de todas as idades”, expresou o presidente da Academia na rolda de prensa de presentación da aplicación. “Non é o primeiro proxecto que desenvolvemos nesta liña, pero si que é probablemente o máis ambicioso, e esperamos darlle continuidade contra finais deste ano nunha grande olimpíada da lingua galega”, engadiu Víctor F. Freixanes, que agradeceu a sensibilidade e colaboración da Fundación Barrié para facer realidade esta ferramenta.

“Levabamos moitos anos facendo preguntas ao dicionario: agora pregunta el”, declarou Carmen Arias Romero. “O proxecto permite cumprir unha das principais vocacións da Fundación Barrié: actuar como fermento, potenciar o traballo doutras institucións, neste caso o feito arredor do dicionario da Real Academia Galega”, explicou a directora da Fundación Barrié.

A dinámica dos seis xogos

O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego