O videopodcast O VAGÓN, de Nós Televisión, premio proxecto cultural singular da Deputación da Coruña

O VAGÓN, videopodcast televisivo da cultura galega, que estará presentado polo xornalista Luís Pardo e producido e realizado por Nós Televisión, foi seleccionado como un dos proxectos premiados no I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social, convocado pola Deputación da Coruña.

O VAGÓN será un viaxe en tren á que subirán persoas referentes da cultura, do deporte e da historia de Galicia, para conversar con Luís Pardo sobre a súa traxectoria profesional e persoal, sobre as súas ideas, sobre as súas intimidades e sobre o seu posicionamento nos temas máis polémicos do momento, dando a coñecer unha cara quizais non tan coñecida das persoas que participarán no videopodcast.

O novo programa de Nós Televisión sairá á luz o próximo outono, contará con varias seccións e será un formato audiovisual no que entretemento, divulgación e concienciación irán da man. Gravarase integramente na Estación Cultural do Concello de Vedra, dentro do vagón de tren que forma parte destas instalacións.

Os vinte proxectos premiados nesta convocatoria foron presentados onte nun acto na propia Deputación coa deputada Natividade González, a xefa de sección de cultura e deportes, Manuela Lorenzo e as persoas representantes de cada proxecto.

Este certame reparte un total de de 298.433 euros entre os 20 proxectos premiados, en achegas de entre 7.500 e 22.500 euros. O obxectivo é apoiar os iniciativas culturais que desenvolven propostas en lingua galega de interese para campos de acción social como os seguintes: igualdade, dereitos civís, respecto á diversidade, respecto ambiental, aumento de estímaa colectiva e cohesión social, integración social, sensibilización patrimonial e identidade local, memoria democrática etc.

A deputada, Natividade González, sinalou que, dende o departamento de cultura, “cremos firmemente no valor da cultura como motor de cohesión social, de identidade, innovación e de transformación da sociedade. Desa convicción nace este certame, destinado a apoiar propostas diversas de colectivos moi comprometidos co territorio”. González engadiu que “veremos formatos moi diferentes con linguaxes moi diversas, pero todos estes proxectos achegarán a cultura a todos os recunchos da provincia e promoverán un impacto positivo na comunidade, promovendo a inclusión, a igualdade, a sostibilidade e o acceso á cultura desde enfoques creativos e comprometidos co territorio”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego