O invitado do 5º episodio do videopodcast O Vagón é un xénero en si mesmo. Cantante, pandeireteiro, acordeonista, bailador, gaiteiro, investigador, activista da lingua e da fala,… Se se achegase un apocalipse, e só tiveramos a oportunidade de salvar a unha persoa, que el fose o elixido seguramente garantiría a pervivencia de toda a nosa tradición. Xa sabemos que houbo outro ‘tambourine man’ anterior, pero non é o mesmo ser un ‘tambourine man’ de Minnesota por moito Premio Nobel que teña que ser ‘tambourine man’ en terra de pandeireteiras. Neste novo capítulo do programa presentado por Luís Pardo e producido e realizado por Nós Televisión, sube a O Vagón Xabier Díaz. Trátase, este de Xabier Díaz, dun capitulo especial de O VAGÓN, realizado e patrocinado neste caso por Quinteiro Doce.
Ao longo da conversa entre Díaz e Pardo, o músico repasa toda a súa traxectoria profesional e tamén a súa vida a nivel máis persoal, falando sobre o momento no que deu o paso de comezar a falar en galego, sobre a súa infancia en Ferrolterrra e a súa mocidade na Coruña, sobre as cousas que máis lle preocupan, sobre como ve o panorama musical galego e moito máis, nun programa desenfadado pero tamén cheo de compromiso no que se abre totalmente a contarnos cousas que quizais nunca contara.
Como todos os capítulos anteriores do Vagón, o videopodcast foi gravado no interior do tren de A Estación do Concello de Vedra e conta coa sección especial en colaboración con Aquí tamén se fala e a sección de Xogo ideada e presentada pola xornalista Xiana Arias.



