O invitado deste novo episodio do Vagón ten unha dobre vida. Do Padornelo para acó é o noso gran cómico, o humorista que so ou en compañía de algúns dos seus amigos non cansa de encher teatros ata a bandeira. Do Padornelo para aló é o actor de carácter que no resto do Estado descubriron na pel de Laureano Oubiña e que agora non deixa de ollar cara a nós desde as pantallas pequenas pero tamén desde as grandes. Foi o rostro de causas como Nunca Máis ou Altri Non. Vinte anos de diferencia entre unha e outra que se notaron, e moito tamén, no carácter deste home que sigue a sentir que o escenario é a súa casa pero que algún día cando colgue as botas quere retornar ao lugar onde comezou todo, a radio.
Carlos Blanco é o protagonista deste novo episodio do videopodcast O Vagón, producido e realizado por Nós Televisión, presentado polo xornalista Luís Pardo e gravado no interior dun tren na Estación de Vedra.
Este programa está patrocinado por Deleite e conta co apoio de Gadis e a colaboración de Nuria Grandío (@konachadas) para a sección de preguntas na rúa.



