A Real Academia Galega continúa a afondar na análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións con investigacións cualitativas que permitan orientar de maneira efectiva as políticas lingüísticas para frear este proceso. O último estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística confirma a importancia dos centros educativos, non só na súa faceta pedagóxica, senón tamén como primeiro contacto coa vida pública fóra da familia e contexto principal para a relación dos nenos e nenas cos seus iguais. Pero, ao mesmo tempo, chama tamén a atención sobre outros espazos como os das actividades complementarias e de conciliación e as asociacións e clubs deportivos. Os resultados recóllense no volume Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, dispoñible en copia dixital na sección de publicacións de academia.gal.
O ámbito territorial elixido para o estudo foi a comarca de Santiago de Compostela atendendo, entre outros factores, ás tendencias demográficas deste territorio -marcadas por unha alta natalidade e unha mocidade relativa con respecto ao conxunto galego- e centrouse na poboación entre os tres e os doce anos de idade. Ames, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra foron os catro concellos implicados.
O estudo constata que as condicións actuais en contextos como as actividades extraescolares ou de conciliación son pouco propicias ou directamente adversas para o avance do galego e alerta da perda de galegofalantes nos primeiros anos de escolarización. Así, o galego só se usa no 18,6 por cento das actividades extraescolares artísticas e no 12,9 por cento das actividades deportivas. Estes datos refírense á realidade na contorna compostelá. Os datos nas áreas da Coruña e Vigo serían aínda peores.