O Teatro Colón recibe este venres a António Zambujo

O Teatro Colón acollerá este venres 2 de outubro, ás nove da noite o concerto de António Zambujo, unha das figuras máis destacadas da música portuguesa actual, que chegará á cidade para presentar en directo o seu último traballo discográfico, ‘Oração ao Tempo’. Recoñecido internacionalmente pola súa personalidade artística e pola capacidade de integrar diferentes tradicións musicais, António Zambujo consolidouse como unha das voces de referencia da cultura lusa contemporánea.

O seu estilo combina o fado tradicional, o cante alentexano e as sonoridades da música brasileira, dando forma a un universo musical propio que o converteu nun dos artistas máis valorados do panorama ibérico.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, salientou que a presenza de António Zambujo no Teatro Colón “supón unha magnífica oportunidade para que o público coruñés poida gozar dunha das voces máis recoñecidas da música portuguesa contemporánea”.

O edil destacou ademais a aposta do Goberno de Inés Rey por unha programación cultural “diversa, de calidade e aberta ás principais expresións artísticas internacionais”, consolidando o Colón como un dos espazos escénicos de referencia no noroeste peninsular.

O concerto da Coruña permitirá ao público descubrir os temas do seu undécimo álbum, ‘Oração ao Tempo’, publicado esta primavera. O traballo toma o seu nome dunha das cancións máis emblemáticas do repertorio de Caetano Veloso, coa que Zambujo protagonizou unha das colaboracións máis significativas da súa carreira. O disco reúne quince composicións, entre elas tres da súa autoría, e conta coa participación de artistas consolidados e novas voces da música lusófona.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego