O Teatro Colón da Coruña vibrará este domingo coa presentación do novo disco de Ugía Pedreira

O Teatro Colón da Coruña acolle este domingo, 23 de xuño, ás 19:00 horas, a presentación de BASAl, o novo disco e espectáculo de Ugía Pedreira, ‘A Pedreira‘ dentro do ciclo ‘Coa nosa voz’ da Deputación Provincial da Coruña.

O amor pola sonoridade e o significado das palabras que caracterizan a obra de Ugia Pedreira sustentan o seu novo traballo, o segundo en solitario despois de Segmento Cantábrico (2021). Unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa.

Basal son nove cancións entretecidas pola narrativa visual e cotiá da artista no seu hábitat actual, a súa casa natal na Mariña, na procura do básico e orixinario. Unha viaxe polas diferentes Pedreiras, dende a Ugia mai ata a nena cantautora con guitarra e voz, que subiu por vez primeira a un escenario con 14 anos.

Basal é unha fusión de estilos diversos, pintando a música galega desde o magma da composición con temática filosófica, política, persoal, social… A Pedreira ten a capacidade de escribir versos implacables de enorme certeza ou de escoller poemas suntuosos para musicar. Pasea polas creacións melódicas que se revisten da expresividade da lingua galego-portuguesa.

As cancións que compoñen este novo traballo van desde unha paixón arrebatada a unha tenrura que calma, a berrar conscientemente a dor e analizala, a facerse amigos do medo. Son para bailar, rir, chorar e pasear nun mapa emocional excelentemente trazado.

A presentación no Teatro Colón este domingo é unha cita ideal para esta tardiña previa á noite de San Xoán, na Coruña. Un evento a non perder.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego