O Teatro Colón da Coruña acollerá a gran festa do trinta aniversario do bravú

Este outono cúmprense trinta anos da fundación do movemento bravú, un movemento cultural e musical que o revolucionou todo en Galicia e moito desde A Coruña. Para conmemorar a efeméride, Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto e referente indiscutible do bravú, protagoniza o filme documental BRAVÚ XXX, producido por Nós Televisión.

O filme presentarase na Coruña o día venres 22 de novembro, ás 21:00 horas, no Teatro Colón, nun evento aberto a todos públicos e con entrada de balde até completar aforo, sen necesidade de invitación previa.

A gran festa do bravú

O evento pretende ser a gran festa do trinta aniversario do bravú na cidade herculina e ademais de poder asistir á presentación e ver o filme, todas as persoas poderán gozar do concerto en directo da Orquestra Bravú Xangai, con colaboracións de músicos moi especiais e ligados ao bravú e algunha que outra sorpresiña máis.

Será un concerto moi especial, xa que ao escenario subirán cantar e tocar temas coa Orquestra Bravú Xangai músicos como Sés, Xosé Manuel Pereiro, Gabi dos Vacalouras, Richi dos Rastreros, Benxa dos Impresentables ou Rafa do Caimán do Río Tea, entre outras sorpresas que non serán anunciadas, nunha noite única para celebrar o bravú.

BRAVÚ XXX, a forza do colectivo

BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores.

Trátase dunha produción de Nós Televisión realizada co apoio económico do Concello da Coruña, do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.

En aberto, o 11 de decembro

Estrea en Nós Televisión, R e Movistar Plus+ en aberto o 11 de decembro BRAVÚ XXX estrearase en Nós Televisión o 11 de decembro, antes de rematar o ano e para culminar toda unha serie de eventos que están a ter lugar por toda a xeografía galega para conmemorar o trinta aniversario deste movemento. A partir dese día, o documental estará dispoñible en aberto na canle de youtube de Nós Televisión; na canle 119 da plataforma de televisión de R para toda Galicia; e na plataforma de Movistar Plus+ de contidos baixo demanda para todo o Estado español.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego