A área de Cultura de Deputación da Coruña suma unha nova proposta á súa programación propia, o ciclo Músicas Posíbeis, que levará ao Teatro Colón, nos vindeiros meses de novembro e decembro, catro espectáculos que se moven á marxe dos grandes circuítos comerciais e que citarán no teatro coruñés a destacados nomes da música e as letras de Galicia e do Estado.
Na súa primeira edición, Músicas Posíbeis ofrecerá dous concertos —o de Sumrrá máis Niño de Elche e o de Chicharrón— e dous espectáculos onde a música dialogará con outras disciplinas: Paréntese (música e literatura) e 586 cantos (música e audiovisual).
Os espectáculos
Paréntese (2 de novembro). É un espectáculo producido especificamente para o Teatro Colón, que só se vai poder ver neste ciclo. Baixo a dirección artística e creativa do músico Pablo Novoa e o escritor Diego Giráldez, e conducidos no escenario pola xornalista Susana Pedreira, as escritoras e escritores Berta Dávila, Silvia Penas, Samuel Merino, Lucía Aldao, Carlos Meixide, Samuel Solleiro e a cantante Wöyza sorprenderán ao público saíndo das súas disciplinas para cantar, interpretar, recitar e conversar entre si e sobre o feito creativo.
Sumrrá + Niño de Elche (9 de novembro). Unha proposta que conecta a creación libre e sempre interesante e diferente do murciano Niño de Elche coa formación galega de referencia no jazz contemporáneo, Sumrrá (Xacobe Martinez Antelo, contrabaixo; Manuel Gutiérrez, piano, e Lar Legido, batería e obxectos sonoros). O público poderá gozar dun diálogo que explora novas posibilidades artísticas. Un auténtico luxo de concerto.
586 cantos (16 de novembro). Unha proposta singular, de máximo interese, que bebe da música tradicional e da tradición oral galega, e que foi impulsada polo Museo do Pobo Galego. Unha marabilla de espectáculo que se constrúe a partir do traballo de recollida que fixo no seu día Dorothé Schubert, nos anos 70. Aposta en escena combina a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, coa música en directo de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras.
Chicharrón (14 de decembro). Ao Teatro Colón chegará o rock, ou o pop máis persoal e poético da música galega. Chicharrón é sinónimo de exquisitez en cada disco, de letras coidadas e relevantes, de máxima calidade a nivel de todo o Estado, desde Carballo, na nosa provincia. Son unha referencia absoluta e levan dez anos de vida como grupo, que celebrará cun concerto no que presentarán Vitoria, o seu próximo disco, e que vai ser tamén unha homenaxe ao deseñador e pintor Alberto Gende, membro fundador da banda, falecido en 2012.