O Teatro Colón convertirase este mércores no escenario de celebración da gala das Letras Galegas organizada pola área de lingua da Deputación da Coruña, unha cita que forma parte da súa campaña para homenaxear a Luísa Villalta e que conta cunha serie de actividades para todos os públicos que se desenvolverán durante todo o ano.
A gala comezará ás 19:30 horas, e a entrada é libre e gratuíta até completar aforo. Estará conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás, que farán o seu particular homenaxe a Villalta, e toma como punto de partida o prólogo de A música reservada, o primeiro poemario publicado pola autora.
A partir de aí, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora.
Actuacións inspiradas no prólogo de A música reservada
A compositora Janet Novás realizará unha performance; a compositora Mercedes Peón e a intérprete Elena Vázquez Ledo, un espectáculo conxunto, do mesmo xeito que o compositor Hugo Gómez-Chao e a soprano solista Adriana Aranda. Eva Vieites tamén subirá ao escenario para facer unha performance nunha xornada que tamén contará coas actuacións do cuarteto de arpas célticas Lulavai e da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.
O encargado do deseño da imaxe da gala é o artista plástico Xurxo Gómez – Chao e, o da iluminación, Dani Pais. Ambos elementos cobran unha especial relevancia nun acto que celebra a arte nas súas diferentes disciplinas, do mesmo xeito que o facía a homenaxeada deste ano nas Letras Galegas, Luísa Villalta: poeta, ensaísta “e unha muller que, ademais de senlleira nas letras, sobresaíu en moitas outras facetas: filóloga, activista, música e mestra… unha artista moi completa para a que quixemos tamén facer unha programación moi completa” apuntou a deputada de lingua, Soledad Agra.