Do 14 ao 17 de outubro, o Sisons Festival Connect encherá de cultura a cidade de Compostela cunha programación tan ampla coma diversa. O festival ofrece, por un lado, unha programación artística de primeiro nivel ao tempo que consolida os espazos de debate, contratación e networking para os profesionais do sector musical.
Actuacións musicais
Breo, Ismael González e Cecilia Burillo serán as cabezas de cartel do mércores 14. O xoves 15 están en escena na Sala Riquela Susto que Flipas, Nebra, Lero, Popper Ladies e Jaunx. Na mesma sala, o venres 16, actuarán Xa´lum e Candy for Aliens.
O mesmo venres, na Sala Capitol, a partir das 20.30 actuarán Xmaseda65, XianPais e Carlangas. Os concertos da Capitol son os únicos que requiren entrada.
O último día será o sábado 17, cunha homenaxe matutina a Jorge Gómez (artista cubano) coa “Festa por un Compay” no Café Camalea, e pecharán o evento os concertos da tarde na Sala Sónar con Brisa Nunjo, Law e Erin Comando Katana.
Máis que música: retos da industria
A vertente profesional de SiSons busca dar resposta aos retos actuais da industria musical, reunindo a promotores, axencias de representación, discográficas, programadores de festivais e creadores de contido tanto nacionais como internacionais. Durante as xornadas matutinas, o recinto de Sede Afundación e o CGAC, acollerán relatorios sobre o panorama actual da música galega, dereitos de autor e o estatuto do artista.
O evento conta co respaldo da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.



