O BNG e a Fundación Galiza Sempre celebran o vindeiro 8 de novembro o Simposio Castelao para abordar a figura da persoa, escritor, artista, dirixente político, pensador e ideólogo dun xeito integral, para ter unha visión “menos deturpada da súa figura, obra e pensamento”.
O presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, define o encontro como o congreso “máis potente” dos actos de celebración que se veñen realizando durante este ano polo 75 aniversario do pasamento de Castelao. Para a responsable de Organización do BNG, Lucía López, o simposio quere ser unha reflexión sobre “unha figura esencial para entender Galiza non só como artista, escritor ou pensador, senón tamén como político e referente do nacionalismo galego”. O obxectivo é, afondou, “situar a súa obra, o seu compromiso e a súa visión de Galiza no centro do debate político e social de hoxe”, porque —engadiu— “falar de Castelao non é falar do pasado, é falar de presente e de futuro, da nosa dignidade nacional e do dereito a existir como nación no mundo”.
Participantes no simposio
O simposio reúne a algunhas das persoas “que máis saben de cada unha das facetas de Castelao e que máis as teñen estudado”. O programa completo podes velo clicando Aquí
Para falar do ilustre rianxeiro como persoa, o simposio conta cun panel “de luxo”: Miguel Anxo Seixas, autor do máis profundo estudo da súa figura; a xornalista e escritora Montse Fajardo,, a maior especialista en Virxinia Pereira, a “moi invisibilizada” dona de Castelao; e Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega, escritor e investigador especializado tamén na súa figura.
Tres profesores e ensaístas afondarán na figura do Castelao escritor, María do Carme Fernández, Marta Dacosta e Xoán Costa; e para tratar a vertente artística, o simposio conta coa historiadora da Arte Iria Friné, o historiador e crítico Carlos Bernárdez e o ilustrador e deseñador, autor da proposta do espazo expositivo da Estación Intermodal Daniel Castelao, Pepe Barro.
Para abordar a súa vertente política, intervirán como expertos o historiador e investigador da Universidade da Coruña, o autor Manolo Rei e o profesor de Filosofía da Universidade de Vigo, Pilar Allegue.
A maiores dos relatores, asistirán como convidados especiais a xornalista Tareixa Navaza, que “representa o que foi a oposición a ese modelo de traída dos restos de Castelao”, o artista gráfico Xosé Lois “O Carrabouxo”, e o actor director e narrador Quico Cadaval, que fará un monólogo ex profeso para o simposio arredor da figura de Castelao.
O simposio terá lugar o vindeiro 8 de novembro na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela e cara a final de ano está prevista a publicación dun libro que recollerá as intervencións de Castelao nas Cortes republicanas, na que se incluirá material inédito, tanto gráfico como textos manuscritos do político no Congreso.
O Ano Castelao en Nós Televisión
Nós Televisión realizou nos últimos meses varias reportaxes sobre Castelao que podedes ver na nosa canle de youtube:
E a reportaxe #AnoCastelao, 75 anos dun símbolo:



