Se as previsións se cumpren, a cultura contará a vindeira tempada cunha presenza aínda menor nos servizos audiovisuais públicos. Este martes, a xornalista Concha de la Fuente informaba da decisión da Radio Galega de eliminar o actual “Diario Cultural” da súa grella. Deste xeito, eliminaríase este popular espazo e se ofrecería información cultural sen continuidade ao longo do día, mais mantendo a marca “Diario Cultural”.
É unha nova terríbel e dramática
Salientábeis personalidades do sector coma o editor Henrique Alvarellos lamentan que a CRTVG deixe fóra da súa programación un espazo de “grande interese” para a cidadanía. Así e todo, á forte oposición á supresión deste programa sumáronse este mércores diferentes personalidades políticas, coma o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, ou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, quen considera “terríbel” e “dramática” esta decisión.
A Xunta e a CRTVG defenden a nova proposta
Con todo, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, presume de que o espazo simplemente “cambia de formato” e “aumentará” a información cultural. Lorenzo mantén que “ningún medio de comunicación” conta cunha oferta semellante.
Asemade, por mor da forte oposición social a esta medida, a Radio Galega publicou unha nova na que aseguraba que o programa non desaparecerá e “duplicará” o número de horas semanais adicadas á cultura. Esta mañá, as e os traballadores da CRTVG lamentaron a decisión e pediron “reconsiderala” á directiva do servizo público.