Ese luns presentouse en rolda de prensa a gala final do Premio Narf, que terá lugar este sábado 24 de outubro no Salón Teatro de Santiago ás 20 horas. O acto tivo lugar no propio teatro e participaron a deputada de Cultura, Natividad González; Xelís de Toro, de Os Quinindiolas e a comisaria do Premio, Rocío Castro.
Natividade González sinalou que vai ser unha xornada “entrañable” poñendo en valor a figura de Fran, “un músico cunha personalidade artística extraordinaria, que soubo construír unha linguaxe propia, mesturando estilos, explorando sonoridades e levando a música galega moito máis alá das nosas fronteiras. Fran foi un creador libre, curioso, comprometido coa nosa cultura e aberto ao mundo. E creo que esa é precisamente unha das mellores maneiras de lembralo: mantendo vivo un premio que aposta pola creación, pola diversidade musical e polo talento que existe no noso país”.
A deputada apuntou que o Premio Narf ocupa “un lugar moi especial dentro da nosa política cultural, tanto polo que representa para a música galega como pola figura da persoa á que lle dá nome”. Nese sentido, afirmou que supón “unha oportunidade para que novos proxectos musicais poidan darse a coñecer, compartir escenario e chegar a novos públicos”.
A gala do Premio Narf deste ano terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 24 de outubro ás 20 horas e lembrará de xeito especial o artista que lle dá nome, dado que este ano se cumpren dez anos do seu pasamento. Alén das actuacións dos finalistas, todos os contidos da gala remitirán ao legado de Narf, incluído o regreso da mítica banda Os Quinindiolas, da que formou parte Fran Pérez, que volve coa idea de homenaxear o seu membro dez anos despois do seu pasamento.
Os Quinindiolas de 2026 son Xelís de Toro, Marcos Teira, Pepe Sendón e Mon Orencio. Esta banda de rock en galego estivo activa entre 1988 e 1992 e estiveron na vangarda da música naquel momento. Ademais a gala comezará co tema “Mercedes” de Narf interpretado por Marcos Teira, e os efectos visuais -responsabilidade do artista Xavier Belho- remitirán a diferentes momentos da vida artística de Fran Pérez.
A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas (Raposa, Sofía Espiñeira e Abril) e o xurado (formado polos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo, os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez) decidirá o gañador, que levará 4.000 euros; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500.
Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de Os Quinindiolas. A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.

Bandas finalistas
As bandas que resultaron finalistas entre os máis de 30 candidatos que se presentaron ao XVIII Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais son:
RAPOSA: A banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa “proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica”.
SOFÍA ESPIÑEIRA: Artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, ‘Xeografías’, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é “unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados”.
ABRIL: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como “dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada”.



