Logo de xuntar 6.000 persoas na xornada de apertura, o festival Revenidas prepárase para a primeira xornada de concertos dos que dous serán de despedida: La Pegatina e García MC e Nación Quilombo. O grupo catalán, todo un clásico en Vilaxoán, anunciou este ano que se tomarían un descanso temporal despois de 21 anos de traxectoria, polo que o do Revenidas (22 h), para o que anuncian colaboracións sorpresa, será os seu último concerto nun festival en Galicia. No caso do rapeiro galego, o anuncio é de que o proxecto Nación Quilombo desaparece definitivamente, polo que o Revenidas (18.30 h) será a derradeira ocasión para escoitalo.
Outra das presenzas destacadas do venres é a de Fillas de Cassandra, o grupo galego revelación deste ano, que nesta edición soben ás 19.30 h ao escenario principal. A proposta galega do venres complétase con Lontreira (20.45 h), outras das bandas máis en auxe da escena galega.
Concertos deste venres
A xornada complétase cos concertos dunha artista que é referencia fundamental da fusión da música urbana e o compromiso social e feminista, como é a Miss Bolivia (23.40); dun grupo fundamental para entender o punk rock evolucionado, como son os sevillanos Narco; co combo barcelonés de fusión Muyayo Rif (2.05 h); os vascos ETS (En Tol Sarmiento), que son o grupo en euskera máis stremeado en Spotify; o enérxico dúo Serial Killerz, que serán os encargados de pechar a xornada a partir das 03.05 h, e, por suposto, A Duendeneta, que fará dúas sesións, ás 18.00 e ás 21.35 h.
Cartel do sábado
O Sábado será o día grande do Revenidas. Catorce bandas subirán nesa xornada aos dous escenarios do festival, ás que hai que sumar tres sesións desa incombustible animadora que é A Duendeneta. Carlos Crespo e Kris K Dj serán de feito os primeiros en facer soar a música o sábado no recinto do Revenidas, trala apertura de portas ás 11 horas. A Duendeneta fará ademais outras dúas sesións, ás 13.45 e ás 21.20 h.
O Revenidas conta o sábado con dúas presenzas internacionais, a dos italianos Talco e a dos bosnios Dubioza Kolektiv. Talco despezarán ao persoal ás doce e media do mediodía coa súa imbatible combinación de ska e punk. Non lle anda á zaga en canto a axitación e enerxía a proposta doutros vellos coñecidos do Revenidas, Dubioza Kolektiv, coa súa fusión de hip-hop, reggae, dub, rock e folclore de Bosnia.
Sobresae tamén presenza de El Kanka, un dos músicos españois máis aclamados e solicitados e un artista desexado polo Revenidas dende hai xa uns cantos anos e ao que por fin se poderá ver ao carón do mar de Vilaxoán a partir das 20 h.
O Revenidas conta o sábado cunha notable e salientable presenza de grupos galegos. Comezando por Tanxugueiras (17.30 h), a formación galega que a día de hoxe máis público é capaz de congregar, como o demostrou no Coliseum da Coruña. Tamén actuará o grupo galego que seguramente máis concertos ten feito neste 2024, The Rapants (15.20 h). O sábado tamén subirán ao escenario dúas mulleres que representan ao tempo o pasado o presente e o futuro na música galega, Guadi Galego (18.50 h) e Catuxa Salom (11.30 h), que por certo ten antecedentes familiares en Vilaxoán. A presenza galega complétase con Loita Amada (03.00 h), o novo proxecto de Jásper; e Rebeliom do Inframundo (01.50), que ofrecerán un concerto especial no que participarán como convidadas Tanxugueiras, Law, Vértebras, Nadie González, Cousxs, Treintañeras Cañeras e Sonriot, para rematar cunha sesión fin de festa a cargo de La Yaya Dj.
Outros concertos destacados do sábado son os de Los Niños Jesús, o grupo de versións que lidera o xornalista Jordi Évole; Xavi Sarrià, o que fora líder dos míticos Obrint Pas, que ofrecerá no Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia antes da súa retirada; os valencianos Lágrimas de Sangre, que tamén anunciaron este ano a súa despedida; e os tamén valencianos La Fúmiga, unha das últimas sensacións da música festiva levantina.
Programa con horarios
VENRES 13
17.00: A Duendeneta
17.30: ETS (Escenario Galicia)
18.30: García MC & Nación Quilombo (Escenario Vibra Mahou)
19.30: Fillas de Cassandra (Escenario Galicia)
20.45: Lontreira (Escenario Vibra Mahou)
21.35: A Duendeneta
22.00: La Pegatina (Escenario Galicia)
23.40: Miss Bolivia (Escenario Vibra Mahou)
00,50: Narco (Escenario Galicia)
02.05: Muyayo Riff (Escenario Vibra Mahou)
03.05: Serial KillerZ (Escenario Galicia)
SÁBADO 14
11.00: A Duendeneta
11.30: Catuxa Salom (Escenario Vibra Mahou)
12.30: Talco (Escenario Galicia)
13.45: A Duendeneta
14.15: Xabi Sarrià (Escenario Vibra Mahou)
15.20: The Rapants (Escenario Galicia)
16.25: Los Niños Jesús (Escenario Vibra Mahou)
17.30: Tanxugueiras (Escenario Galicia)
18.50: Guadi Galego (Escenario Vibra Mahou)
20.00: El Kanka (Escenario Galicia)
21.20: A Duendeneta
21.50: La Fúmiga (Escenario Vibra Mahou)
23.00: Dubioza Kolektiv (Escenario Galicia)
00.30: Lágrimas de Sangre (Escenario Vibra Mahou)
01.50: Rebeliom do Inframundo (Escenario Galicia)
03.00: Loita Amada (Escenario Vibra Mahou)
Fin de Festa: La Yaya Dj (Escenario Galicia)