O relevo xeracional, os coidados ou o financiamento, entre os retos de futuro no asociacionismo cultural

O relevo xeracional, a busca de novos espazos nas propias estruturas para as mulleres e a xente nova, a importancia de colocar os coidados no centro ou a necesidade de diminuír a dependencia económica das subvencións públicas. Son algúns dos retos de futuro do tecido asociativo cultural galego, que este pasado sábado reuniu parte dos seus colectivos nunha xuntanza, ‘O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG‘, impulsada polo Museo do Pobo Galego.

Xornada sobre asociacionismo

Na xornada participaron unha trintena de asociacións de todo o país que están a traballar na investigación e divulgación do noso patrimonio cultural, natural, social, científico, inmaterial ou histórico. “De onde vimos? Onde estamos? Quen somos? E cara a onde imos?”. Eses catro interrogantes foron o punto de partida para poñer en común as problemáticas e retos que xorden na xestión dos seus proxectos, ademais de buscar novos camiños compartidos. Nesa liña, os colectivos participantes valoraron como moi positiva e necesaria unha xuntanza que agardan teña continuidade para seguir tecendo a rede de intercambio entre asociacións.

O encontro deste sábado supuxo o colofón ao programa de actos conmemorativos do centenario do Seminario de Estudos Galegos, a entidade que impulsou a modernización cultural e científica de Galicia desde a súa creación en 1923 até que trece anos despois o golpe militar fascista truncou a súa actividade, mais non os seus ideais.

En palabras do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, na presentación do encontro, “o espírito do SEG non foi aniquilado en 1936, senón que segue moi presente na nosa sociedade. Porque temos un patrimonio cultural que é fundamental para existirmos como sociedade. Un patrimonio que temos que nomear, coñecer e transmitir ás xeracións que veñen detrás de nós, tal como a xente do SEG fixo para que nós poidamos encontrarnos hoxe aquí”.

A xornada ‘O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG’ estivo organizada polo DEAC do Museo do Pobo Galego, e contou coa mediación e desenvolvemento de Arabías S. Coop. Galega e Feitoría Verde S. Coop. Galega e co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

Listado de asociacións participantes:

– ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Santiago de Compostela (A Coruña)

– Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, A Coruña (A Coruña)

– A Sega, plataforma feminista de crítica literaria, Santiago de Compostela (A Coruña)

– Asociación Cultural A Caniceira, A Pobra de Trives (Ourense)

– Asociación Cultural Morreu o Demo, Santiago de Compostela (A Coruña)

– AGG – Asociación do baile e a música de tradición galega, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra)

– Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, Melide (A Coruña)

– Asociación Cultural Prestadora de Servizos Á Xuventude “Pesquedellas”, Betanzos (A Coruña)

– Asociación Cultural O Galo, Santiago de Compostela (A Coruña)

– Asociación O.R.A.L. de Galicia, Vigo (Pontevedra)

– Asociación Cultural Os Penoucos, Valga (Pontevedra)

– Asociación Río Miño Ignacio Gago, Arbo (Pontevedra)

– Asociación Cultural Trépia, Pontevedra (Pontevedra)

– Associaçom cultural A Gentalha do Pichel, Santiago de Compostela (A Coruña)

– Ateneo Ferrolán, Ferrol (A Coruña)

– Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial, Ames (A Coruña)

– Colectivo A Rula. Asociación cultural de divulgación e protección de arte rupestre, Teo (A Coruña)

– Clara Corbelhe, Santiago de Compostela (A Coruña)

– Club Cultural Valle-Inclán, Lugo (Lugo)

– Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Vilalba (Lugo)

– Instituto de Estudios Vigueses (IEV), Vigo (Pontevedra)

– Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB), Carballo (A Coruña)

– Instituto de Estudos Ulloáns, Monterroso (Lugo)

– Instituto de Estudos Miñoráns, Gondomar (Pontevedra)

– Ponte… nas Ondas!, Vigo (Pontevedra)

– PuntoGal, A Coruña (A Coruña)

– Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Vimianzo (A Coruña)

– Sociedade Xuvenil Galega de Química, Santiago de Compostela (A Coruña)

– Zona Hadal, Betanzos (A Coruña)

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego