A Real Academia Galega e o Concello de Ames estrearon Modo galego, actívao!, un proxecto colaborativo pioneiro que implicou, no curso pasado, tras un rigoroso diagnóstico da situación de partida, a posta en marcha de iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas entre a rapazada dos colexios de infantil e primaria deste municipio da área periurbana de Santiago de Compostela. Tras os bos resultados obtidos na experiencia piloto, ambas as partes decidiron estender a colaboración coa sinatura dun convenio ao abeiro do cal se prevé ampliar o programa aos primeiros niveis da ESO nos vindeiros cursos, entre outras medidas que comparten o obxectivo común de frear o abandono do galego na infancia.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, asinaron o acordo. O Seminario de Sociolingüística da Academia comprométese neste documento a planificar e detallar as liñas xerais da acción de acordo cos diagnósticos previos; seguir asesorando as persoas ao cargo da organización de distintas actividades orientadas ao público máis novo e achegar propostas de actividades complementarias, de formación ou dinamización lingüística; e colaborar cos centros educativos de infantil e primaria na actualización dos proxectos lingüísticos, entre outras medidas cun horizonte de execución que chega ata o curso 2025-2026.
O Seminario de Sociolingüística presentará proximamente os principais resultados da avaliación da experiencia piloto de Modo galego, actívao! e determinará as posibles melloras para posteriores execucións. Entre outras iniciativas, o pasado curso académico preto de 3000 nenos e nenas amesáns participaron nunha experiencia de inmersión lingüística de tres semanas que por primeira vez se aplicou en todos os colexios dun mesmo municipio a un tempo, contando tamén co conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local. O programa incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só entre o alumnado e o profesorado e demais persoal dos centros educativos, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios.