O proxecto Aquí tamén se fala! do IES Rafael Dieste recibe o Premio ‘Na lingua que eu falo’ da Real Academia Galega

Cadrando coa semana do Día Europeo das Linguas, a RAG entregoulle este mércores ao instituto coruñés IES Rafael Dieste o galardón co que recoñece iniciativas que destaquen polo seu traballo a prol da normalización do idioma na infancia e na mocidade nun acto no que participou o presidente da RAG , Henrique Monteagudo, o promotor de ATSF e director do Rafael Dieste, Alberto Pombo, a coordinadora de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, e a representante da área de lingua da Deputación da Coruña, Sol Area.

Un proxecto que fai do galego unha lingua de encontro

A Real Academia Galega recoñece con este premio – unha iniciativa que conta co apoio da Deputación – a capacidade de Aquí tamén se fala! para transcender o propio ámbito educativo e converterse nun movemento de participación xuvenil arredor do galego.

O proxecto naceu no IES Rafael Dieste en 2023 da man do profesorado Alberto Pombo, Mónica Reixía e Arcadio González e conta cunha importante participación do alumnado, nun centro no que sete de cada dez estudantes son de orixe migrante. Ao longo dos últimos tres anos, a iniciativa estendeuse a preto de 300 centros educativos e 25.000 mozos e mozas, consolidándose como unha das experiencias de dinamización lingüística con maior impacto social dos últimos anos.

Entre as súas iniciativas destaca o festival musical Aquí tamén se fala!, co que colabora a Deputación da Coruña a través da súa área de Lingua. O proxecto ten conseguido ademais a participación de numerosas figuras públicas e contribuíu a situar o galego como unha lingua presente en espazos de encontro, cultura e participación xuvenil.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego