O pregón de María Lado dará comezo este xoves á Praza dos Libros de Carballo

O pregón de María Lado, acompañada pola Banda Municipal de Gaitas de Carballo, dará comezo este xoves, 6 de xullo, ás 12:30 horas da mañá, a toda a programación da Praza dos Libros (PLIC 2023). Un ano máis, a capital de Bergantiños convértese tamén en capital cultural para reunir, durante todo o que queda de semana, ao melloriño da literatura galega actual e tamén diferentes propostas de música, teatro, obradoiros e moito máis.

A PLIC é a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga e importante como é a de Carballo e os produtos gastronómicos da nosa terra terán un papel moi destacado. Por iso, xa este xoves, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo, e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda.

O sector libreiro de Carballo ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, chaveiros… As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, polo que non hai escusa para non achegarse ata o corredor central da Praza do Concello para gozar de todo o previsto durante esta PLIC 2023.

O programa completo pódese consultar entrando aquí.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego