Neste curso 2022/2023, 3.888 alumnas e alumnos de ESO e Bacharelato estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira, o triplo que cando entrou en vigor a lei polos vínculos coa lusofonía. A Consellería de Cultura promove a aprendizaxe da lingua portuguesa en 9 centros educativos galegos a través do Programa de Lingua e Literatura Portuguesa polo que estas escolas contan coa presenza dunha profesora nativa do Instituto Camões.
O IES Félix Muriel do concello de Rianxo é un dos centros con máis experiencia neste programa xunto co IES Acerbispo Xelmírez I e o IES Antonio Fraguas en Compostela, IES A Sangriña na Guarda, IES Politécnico de Vigo e o IES Valadares de Vigo e os centros ourensáns de CEIP Mariñamansa, IES O Couto e CEIP Manuel Luís Acuña. Viaxamos ata Rianxo para saber as vantaxes de contar cunha profesora nativa nas aulas de portugués e como esta lingua axuda a normalizar o galego en todos os ámbitos da vida.
Esta non é a única cooperación institucional co Camões. Cada vez máis alumnas e alumnos se presentan aos exames Camões Junior desde os seus centros educativos. Un exemplo é o IES do Milladoiro, no concello coruñés de Ames, que visitamos para falar tanto co profesorado como co alumnado desta experiencia.
Que destaca o alumnado galego da aprendizaxe de portugués? Hai un interese en aumento por esta lingua? Que oportunidades abre para nós a lusofonía? Damos resposta en ‘O portugués nas escolas galegas‘.