O podcast en galego sobre María Casares, candidato para os premios iVoox

O podcast en galego sobre María Casares vén de ser preseleccionado para os premios iVoox na categoría ‘Historia e crenzas’. A audiencia poderá votar ata o 24 de outubro por este programa producido por Son Radiofusión e dirixido por Eugenia Sanmartín. En novembro coñeceranse os proxectos gañadores.

‘María Casares. Eu son do océano’

‘Eu son do océano’ divulga a vida da actriz galega (A Coruña, 1922) que triunfou no seu exilio en Francia, onde residía tras o golpe militar de 1936. O pódcast contou con guión de Puri Seixido, dirección de Eugenia Sanmartín e música orixinal da compositora Sofia Oriana Infante. Encargáronse da interpretación Vicky Sas, Helga Méndez, Cristina Mariño, Rogelio Arias e Cristina Moreira. Xabier Fernández ocupouse do son. Producido por Son Radiofusión, o proxecto contou coa colaboración da Deputación da Coruña. Pódense escoitar na web www.radiofusion.gal divididos en seis capítulos de 40 minutos de duración cada ún. Coincidindo co centenario do nacemento de María Casares, Radiofusión tamén editou unha novela gráfica sobre a actriz de Pitusa Arias e Carlos Sardiña.

Premios iVoox

Os premios iVoox queren dar visibilidade e recoñecemento aos pódcasts favoritos da audiencia. De feito, o galardón desta plataforma onde se publican, comparten e escoitan os podcast, obsequia aos proxectos gañadores con visibilidade durante un ano.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego