O pleno municipal de Santiago aproba a iniciativa popular contra a “emerxencia lingüística” de Queremos Galego

O pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou a moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Lingua Vital, impulsada pola plataforma cidadá Queremos Galego. A proposta saíu adiante cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta e dos concelleiros non adscritos e coa abstención do PSdeG, sumándose así aos concellos de Pontevedra, Brión ou Moaña que xa se sumaran á iniciativa.

A ILP Lingua Vital é unha proposición de lei elaborada colectivamente por centos de entidades sociais, entre elas os principais sindicatos, asociacións de nais e pais, culturais, veciñais, deportivas, profesionais, de comerciantes e de persoas consumidoras, que parte do Protocolo Lingua Vital. A súa finalidade é reverter a situación de “emerxencia” do galego e garantir que se poida vivir nel con todas as garantías.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, defendeu a moción diante do pleno e reclamou o compromiso das institucións. “Non abonda con presunto voluntarismo institucional, con boas palabras ou con supostos plans que substitúen os mecanismos xurídicos e legais para garantir o galego, afirma Maceira. Critica tamén o recente Plan da Lingua da Xunta, que “non pode substituír o Plan xeral de Normalización de 2004 porque non foi presentado como tal no Parlamento para o seu debate e aprobación”.

Maceira recordou, asimesmo, que a proposición de lei Lingua Vital busca garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía nos servizos públicos e no comercio e defende que o galego sexa lingua de acollida e de integración en todo o sistema educativo, para o que prevé derrogar normas que o feren, como o “mal chamado” decreto do plurilingüismo”.

“Unha lei que asegure que quen xa o fala poida facelo sempre e que quen se queira sumar, nacese onde nacese, poida facelo sen obstáculos e sen límites”, defendeu o voceiro, que agradeceu aos grupos proponentes que asumisen a moción como propia e expresou a súa esperanza de que Santiago se sume a outros concellos onde a iniciativa tivo ampla acollida.

A plataforma de defensa da lingua Queremos Galego ten en marcha a recollida de sinaturas para levar ao Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular Lingua Vital. A iniciativa precisa xuntar 10.000 sinaturas para ser debatida na cámara galega. As persoas que queiran sumarse poden informarse dos puntos e as datas de recollida de sinaturas na páxina web linguavital.gal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego