Entre este martes e este mércores, o Parlamento de Galicia será o escenario do debate político arredor do futuro do galego. O documento que busca a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística entra no debate parlamentario para a súa aprobación prevista para o mércores. Este novo PXNL será presentado polo Goberno galego e contará co acordo do PSdeG segundo anunciaron nas últimas semanas.
O punto máis conflitivo sitúase no ámbito educativo onde figura que a partir do curso 28/29 se poderán impartir materias científicas en galego, sempre que se preserve a cota do 50 por cento e, por tanto, neste caso, se impartan as materias sociais en castelán.
Outros puntos do acordo recollen o incremento en 1,5 millóns de euros ao ano a dotación orzamentaria para o fomento do galego nesta lexislatura ou que a Secretaría Xeral da Lingua teña que elaborar un informe anual de seguimento do PXNL.
O movemento en defensa da lingua critica que o documento non garanta o “mínimo do 50%” de ensino en galego que recollía o plan orixinal de hai dúas décadas. A Mesa pola Normalización Lingüística rexeitou publicamente o documento por consideralo unha “regresión” e acusou ao PSdeG de ceder ante a “chantaxe do PP”.
Como sinal de protesta, a plataforma cidadá convocou unha concentración este mércores ás portas do Parlamento de Galicia para esixir unha viraxe de rumbo nas políticas lingüísticas.



