A exposición itinerante ‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’ deixa Compostela para abrir, deste este mércores, 9 de abril, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo. A inauguración producirase ás 12 de horas e poderase acceder a ela ata o 11 de maio podéndose visitar de luns a sábado 10.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.30h.
‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’
Esta mostra é un dos elementos centrais da conmemoración do traxecto histórico que esta empresa cultural realiza durante este 2025. A propia mostra encárgase de percorrer a historia da editorial desde a súa fundación en 1950 ata o día de hoxe, facendo fincapé no papel fundamental de Galaxia na transformación do noso país e a construción da cultura galega contemporánea.
A exposición está comisariada por un amplo equipo académico como é o director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela e director da Revista Grial, Henrique Monteagudo; a profesora de literatura galega e a autora de primeira tese que investiga os primeiros anos da historia da Editorial Galaxia, Malores Villanueva, xunto ao catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva. O deseño da exposición corre a cargo de estudos Desoños.
Que podes atopar na mostra?
Grazas á exposición, as visitantes poden atoparse co labor de autoras e autores vinculados á fundación da Editorial, como son Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro; posteriores editores e directores de Galaxia, como Carlos Casares ou Víctor Freixanes; ademais de autoras e autores xa considerados clásicos, Castelao ou Eduardo Blanco Amor, e autorías vinculadas a Galaxia que foron marcando cada unha das súas traxectorias a través das décadas como Xohana Torres, Fina Casalderrey, Domingo Villar…
Ademais, pódense descubrir os títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia. Deste xeito, a mostra artéllase en catro bloques que fían a historia desde o noso Rexurdimento ata a xeración do novo milenio.
Nesta exposición, Galaxia continúa vinculándose cunha estratexia de múltiples formatos e conta cunha peza audiovisual realizada por Nós Televisión onde diferentes persoas vinculadas á cultura galega, e en concreto á historia de Galaxia, abordan a produción literaria desta casa editorial. Figuran persoas de diferentes xeracións como Xesús Alonso Montero, Tamara Andrés, Xosé Manuel Beiras, Antía Yáñez, Dolores Vilavedra ou Ramón Villares, entre outras.