A necesidade de definir un protocolo ou manual de boas prácticas legal, ético e de xestión para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles, será o fío condutor de ‘Traducir a tradición’, a décimo novena cita das xornadas ‘A Cultura é un dereito’, organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Colocar o noso patrimonio oral, os saberes comunais transmitidos de xeración en xeración, construídos colectivamente, na creación musical contemporánea, con todo o que isto implica en canto a distribución, visibilidade e comercialización, lévanos a un debate constante sobre a propiedade e o recoñecemento de toda a cadea, pero tamén sobre a xestión emocional deste momento histórico que estamos a vivir en torno á música tradicional.
A produtora e xestora cultural Aitana Cuétara é a comisaria destas xornadas, como parte do seu traballo co proxecto ‘O que non se escribe’, un ciclo permanente de estudio e actividades en torno á creación contemporánea a partir dos arquivos da tradición oral.
Segundo Natividade González, Deputada de Cultura da Deputación da Coruña, a xornada “é unha oportunidade única para reflexionar sobre o valor do patrimonio oral como alicerce fundamental da nosa identidade colectiva, pero tamén sobre a necesidade de reinterpretalo desde unha perspectiva contemporánea”. “Con esta nova cita de ‘A Cultura é un dereito’, apostamos por crear espazos que fomenten o diálogo entre a memoria e as canles máis novas para mantela viva”.
A asistencia aos relatorios, presentacións e mesas redondas do programa é de balde, previa inscrición, que se poderá formalizar co formulario habilitado na web das xornadas (aculturaeundereito.gal), ata as 16 horas do 18 de marzo. As prazas dispoñíbeis, completaranse no mesmo día por orde de chegada.
PROGRAMA
MÉRCORES, 19
16.30 h. Acreditación dos participantes e benvida. Natividade González e Aitana Cuétara, deputada de Cultura e comisaria das xornadas.
17 h. Apertura da xornada. Antía Vázquez e Pedro García (pandeireteiras).
17.30 h. Presentación. Manual de boas prácticas: marco legal e proposta de xestión da música de tradición oral. Ania González (avogada) e Xulia Feixóo (etnomusicóloga).
18.30 h. Mesa redonda: Manual de boas prácticas: marco legal e proposta de xestión da música de tradición oral. Modera: Aitana Cuétara.
Jaume Ayats, profesor de etnomusicoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona.
Ramon Pinheiro, editor en aCentral Folque.
Adrián Méndez, músico en De Ninghures.
Ania González, avogada.
Xulia Feixóo, etnomusicóloga.
*Actividade complementaria. 12 h. Visita guiada ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega (Cidade da Cultura), con Cristina Pujales. PRAZAS ESGOTADAS.
XOVES, 20
16.30 h. Apertura da xornada. Carme e Uxía da Pontragha (pandeireteiras).
17 h. Conversa. Cultura local no mundo global: xestión emocional da chegada da música de tradición oral ao mainstream. Raúl Rodríguez (músico e antropólogo) e Rafael Quintía (antropólogo).
19 h. Conversa. Boas prácticas no traballo de campo: ética e coidado no trato coas informantes. Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio (Arredor da Tradición).
*Actividade complementaria. 12 h. Visita guiada ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Museo do Pobo Galego), con Concha Losada. PRAZAS ESGOTADAS.
VENRES, 21
16.30 h. Apertura da xornada. Gabi Reboredo (pandeireteiro).
17 h. Presentación. Càntut. Cançons de tradició oral. Francesc Viladiu (co-director do Càntut).
17.30 h. Mesa redonda: Metodoloxía e xestión dos arquivos da música de tradición oral. Modera: Marián Fernández.
Concha Losada, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.
Quique Peón, compilador e mestre.
Rubén Troitiño, de Músicas da Terra de Montes.
Francesc Viladiu, do Càntut.
19 h. Presentación. Cancioneiro galego serodio (1989-2012), de Xabier Díaz (compilador e músico).