O parque eólico Paraño oeste, en Beariz e Forcarei, únese á campaña #TiPodesParalos de ADEGA

A asociación ecoloxista ADEGA chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns Ti Podes Paralos! para emprender accións xudiciais contra un novo proxecto eólico: Paraño Oeste, nos concellos de Forcarei e Beariz.

A campaña Ti Podes Paralos! ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza.

Ao pé da Serra do Suído

O parque eólico Paraño Oeste, promovido por Eólica Galenova S.L.U., proxecta un total de 14 aeroxeradores de 180 metros de altura nunha zona fundamental da dorsal galega como corredor ecolóxico entre a Serra do Suído e os espazos da Rede Natura, ZEC Serra do Cando e ZEC Serra do Candán. Este proxecto provocará danos sobre a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia real; e afectará tres Áreas de Especial Interese Paisaxístico. Tamén impactará sobre varias mámoas, petróglifos e sobre a ruta xacobea “Camiño da Geira e dos Arrieiros” ou a feira de Doade, celebrada dende o século XII.

Por todos estes motivos, ADEGA impulsa esta campaña de recadación colectiva cun obxectivo mínimo de 7.300 euros, establecido en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de ADEGA do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.

Máis de 94.000 euros

A campaña Ti Podes Paralos! recadou ata o momento máis de 94.000 euros entre o fondo
común e todos os desafíos activos para cada parque eólico. Os últimos en superar o seu
primeiro reto foron os correspondentes aos P.E. Serra de Piñeira e Serra do Colmo nos
Ancares, ou Rodeira en Vila de Cruces. Con eles, xa son un total de 18 os parques eólicos
fronte aos que ADEGA pode iniciar as accións xudiciais co obxectivo de frealos no TSXG.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego