Comeza o Outono das Artes 2025, unha ampla programación cultural da área de Cultura da Deputación da Coruña que levará máis de noventa actividades de música, danza, teatro e audiovisual a concellos de toda a provincia da Coruña entre os meses de setembro e decembro.
Un concerto de De Ninghures en Compostela, no Campo de Conxo, vén de abrir a programación que nestes meses viaxará por vilas e cidades como Ortigueira, Ferrol, Negreira, Sada, Ribeira, Oroso, Carral, Muros, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Rianxo ou Vimianzo, entre moitas outras, ofrecendo propostas que abranguen desde concertos e recitais ata pezas de danza contemporánea, teatro familiar e proxeccións audiovisuais.
Ademais de ‘De Ninghures’, completan o programa de “Outono das Artes” artistas como Uxía, Donaire, Sumrrá, Xacarandaina ou a Orquestra de Cámara Galega; compañías de teatro como Morraoconto, Pérez & Fernández ou Os Náufragos; de danza como Morriña Dance Project, Laboratorio Escénico ou Gallaecia eventos, e producións audiovisuais como Ratiña, de Alicia Úbeda, Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos ou Lévame a Idea, de Navíos e Folerpas, entre outros.
A deputada de cultura, Natividade González, subliñou que “Outono das Artes é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á cultura e polo apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse a grandes cidades”. Engadiu tamén que “queremos que cada concello sinta este ciclo como propio: que as prazas, auditorios e casas da cultura se enchan de música, danza, teatro e cine, porque a cultura é un dereito e tamén unha ferramenta para dinamizar social e economicamente os nosos municipios”.
O ciclo manterase activo ata mediados de decembro, pechando cunha programación especial de teatro, danza e concertos en diferentes puntos da provincia. A programación completa de setembro, con datas, horarios e localizacións, pode consultarse AQUÍ.



