O Norte Cinema Diverso estreará en Galicia a película boliviana ‘Tu me manques’, un fenómeno social no seu país

‘Tu me manques’ é unha expresión francesa que significa bótote de menos, estráñote. É tamén o título da primeira das longametraxes do festival Norte Cinema Diverso, que a asociación Palestra, o Concello da Coruña e a Cinemateca da Fundación Pedro Zerolo organizan no teatro Colón os días 21 e 22 de abril.

‘Tu me manques’, seleccionada para representar a Bolivia nos Oscar e nos Goya de 2020, está inspirada nunha historia real, a dun pai que, tras recibir a noticia do suicidio do seu fillo, descubre a relación sentimental que mantiña con outro home.

A película conta coa participación da actriz española Rossy de Palma e do actor arxentino Óscar Martínez e proxectarase o venres, 21 na sesión que empeza ás 21,15 horas.

‘Tu me manques’ estrenouse mundialmente no Festival Outfest de Los Ángeles, un dos eventos de cine LGTBIQ+ máis importantes do mundo. Nesta cita fíxose co galardón ao mellor guión.

O derradeiro pase da primeira edición do Norte Cinema Diverso será o da película portuguesa Variações, un biopic sobre Antonio Variações, unha icona do pop rock portugués dos anos 80 que faleceu de SIDA. Foi a película portuguesa mais vista de 2019 con case 280.000 espectadores nas salas de cinema.

A cinta gañou sete premios Sophia, os galardóns anuais que entrega a Academia portuguesa, entre eles ao mellor actor, Sérgio Praia.

‘Variações’ verase no Norte Cinema Diverso o sábado, 22 ás 21,00 horas. O seu director, João Maia, participará no encontro de artistas, directores e produtoras co público coruñés o sábado ás 17,00 horas.

Tamén participará na charla a activista Carla Antonelli, protagonista dun dos cinco documentais da mostra coruñesa. ‘Triángulos Rosas’ conta o longo proceso que pasaron varias persoas transexuais para ser aceptadas en tempos de dictadura e a represión. O seu pase será o sábado na sesión das 19,00 horas.

O festival inclúe tamén o documental ‘Una dedicatoria a lo besti’a, do colectivo nucbeade, formado pola madrileña Quiela Nuc e a coruñesa Andrea Beade. Pón en escea obxectos atopados na sede do Patronato de Protección á Muller en San Fernando de Henares (Madrid), que funcionou entre 1944 e 1985. Recibiu o premio á mellor curta do festival Alcances de Cádiz e o premio ao mellor documental do festival de Ciudad Real. Proxectarase o venres 21 ás 21.15 horas.

Os outros tres documentais que se poderán ver son ‘Canela’ (venres, 21 ás 19.00 horas) e ‘Yo soy una niña’ e ‘Abriendo ventanas’, o sábado a partir das 12.00 horas.

As entradas para as distintas sesións do festival están á venda na web do teatro Colón a un prezo de tres euros. A sesión matinal do sábado será de balde.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego