O Museo Provincial de Lugo acollerá os vindeiros 21 e 23 de maio o curso ‘Tempo de Arte. Obras de Museo‘, organizado polo Grupo de Investigación Iacobus da USC, en colaboración co Museo Provincial e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O curso, coordinado polas investigadoras e profesoras de Historia Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro e pola directora do Museo, Aurelia Balseiro, inclúe un programa de conferencias nas que as investigadoras e investigadores do grupo analizarán varias obras do Museo Provincial de Lugo.
As pezas seleccionadas reflicten a diversidade de intereses, campos de traballo e liñas de investigación que abarca o Grupo Iacobus e abranguen diferentes periodos históricos, estilos e artistas. Destaca a conferencia inaugural de José Manuel García Iglesias sobre Francisco Asorey, homenaxeado este ano pola Real Academia de BB. AA. adicándolle o Día das Artes Galegas que tivo lugar o pasado 1 de abril, na que falará sobre a obra “Cristo Redentor”, entre outras pezas máis coñecidas. A ponencia de Mónica Rey, falará sobre a obra “Retrato de Rosa Piño”, de Julia Minguillón, unha das últimas incorporacións do Museo Provincial e Lugo. O programa inclúe tamén visitas ás pezas tratadas nas conferencias, co acompañamento das persoas relatoras, que terán lugar cada xornada ás 17.20 horas.
A deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro agradeceron a iniciativa do grupo investigador, que contribúe a poñer en valor as pezas do Museo e subliña a importancia da investigación e da divulgación científica no ámbito dos museos.