O sentido de comunidade nos espazos e prácticas do baile é o lema da onceava edición da xornada A Voltas co Baile, que organiza o Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela este sábado 30 de setembro.
A cita, que tivo que ser adiada no mes de abril, inclúe sesións teóricas pola mañá, con inscrición previa, e unha foliada popular aberta a toda a cidadanía a partir das 14 horas. A xornada teórica matutina contará con dous relatorios e unha mesa redonda a partir das dez e media da mañá. Será Xulia Feixoo, investigadora centrada no estudo e divulgación das músicas de tradición oral de Galicia e na foliada como fenómeno sociocultural, quen imparta o relatorio Ao coidado do patrimonio inmaterial. Repensando a música e o baile tradicionais como bens mancomunados.
Como sinalan desde o Departamento de Educación e Acción Cultural (DEAC) do Museo do Pobo Galego, esta edición de A Voltas co Baile xira ao redor do lema O sentido de comunidade nos espazos e prácticas do baile. Refórzase así o feito de que o baile transmitiuse de xeración en xeración como ferramenta de socialización e cohesión grupal, e foi constituíndose como elemento vertebrador da comunidade en encontros que se suceden en calquera momento do ano, por todo o territorio galego en diferentes contextos e denominacións: ruadas, foliadas, seráns, repichocas, polavilas, etc.
A musicóloga, antropóloga e profesora na Universidade de Santiago de Compostela e na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, Beatriz Busto Miramontes, será quen, a partir das 11:45 horas, protagonice o relatorio Arredor do patrimonio cultural inmaterial colectivo. Viaxe a unha declaración BIC (Ben de Interese Cultural). Pechará a sesión de mañá a mesa redonda Foliada, ruada, serán… O encontro da comunidade a través do baile, ás 13 h. Nela participarán Adrián Méndez pola Foliada da Fonsagrada, Chus Caramés polos Encontros de música tradicional de Carboeiro (Silleda) e Lucinda Barcia e Monserrat Alvariño Barcia polo Serán dos Namorados (Toutón, Mondariz). O encontro estará moderado por Xulia Feixoo. A inscrición para as sesións teóricas do sábado debe facerse en servizosdeac@museodopobo.gal ata o venres 29 de setembro.
A partir das dúas da tarde, a xornada teórica dará paso a unha foliada nos xardíns da Ala Sur do Museo. Abrirá a festa o grupo Canta madeira do barrio de San Pedro e, a continuación, todas as persoas participantes están convidadas a armar foliada ata as oito da tarde. Dende a organización recomendan traer xantar e ecovasos e apuntan que haberá barra para a bebida.
A actividade A Voltas co Baile conta nesta edición número once co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela.