O Museo do Pobo Galego acolle do 10 ao 15 de marzo a XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebrarase en Santiago de Compostela do 10 ao 15 de marzo. Tras dúas décadas de traxectoria, a MICE reafirma a súa identidade como un espazo singular centrado no cinema etnográfico e na antropoloxía visual, ao tempo que consolida unha orientación que a sitúa como territorio de creación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico.

Así o anunciaron na rolda de prensa na que interviron Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, integrantes do colectivo Memoria e Cinema e co-directores da MICE; Míriam Louzao Fernández, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Xosé L. Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; e Jacobo Sutil, en representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.

O festival pretende avanzar para reforzar o seu papel como espazo de creación e
experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Fran Rodríguez Casal subliñou que “hai
un interese polo xermolo dos proxectos, pola súa construción, pola súa fraxilidade e por
todo aquilo dinámico que avanza cara a formas contemporáneas que nos axuden a
comprender a nosa realidade”.

Esta liña tradúcese nunha programación que combina exhibición, pensamento e procesos
creativos. Pola súa banda, Coral Piñeiro engadiu que “queremos promover a MICE como un
espazo aberto no que persoas con diferentes inquedanzas e procedentes de distintos
ámbitos atopan no etnográfico un lugar común”.

Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, puxo en valor a
relevancia desta “nova etapa da MICE, que naceu do propio equipo da casa”, subliñando que o cambio na dirección responde á vontade de que o festival continúe sendo un proxecto actual e dinámico, sen perder a esencia que o converteu nun referente ao longo dos anos. Ademais, quixo expresar o seu agradecemento a Ana Estévez polos vinte anos de
traxectoria á fronte da MICE, destacando o seu papel fundamental na consolidación e
prestixio da mostra.

Jacobo Sutil – da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. – tamén quixo poñer en valor o traballo desenvolvido por Ana Estévez durante dúas décadas,
salientando que conseguiu facer medrar unha mostra asentada sobre “cementos fortes”.
Tamén subliñou a oportunidade e a responsabilidade que supón para o colectivo Memoria e
Cinema asumir esta nova etapa, lembrando o papel indispensable dos festivais de cinema
como altofalantes do sector audiovisual galego e destacando a singularidade da MICE como
festival que “fala de nós”.

Xosé L. Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, destacou os máis
de vinte anos de traxectoria dun festival “xa plenamente asentado” e puxo en valor a
relación da MICE co ámbito académico, convertendo investigación e experiencia nas
historias que despois chegan ás pantallas. Referiuse tamén ao acto inaugural e á obra
Redeiras, lembrando que “o patrimonio non existiría sen as persoas” e subliñando o valor
destas mulleres que, durante xeracións, sostiveron un oficio fundamental ligado ao mar e á
memoria colectiva do país. Neste sentido, sinalou que a MICE invita precisamente a mirar
cara a esas historias e experiencias que conforman o noso patrimonio vivo, promovendo
unha reflexión crítica sobre quen somos e sobre a realidade que compartimos.

Míriam Louzao Fernández – concelleira de Capital Cultural – destacou na intervención que
proxectos coma este “son a un tempo semente e froito da concepción do feito fílmico como
dereito de representación e como acto colectivo. E son, a un tempo, semente e froito dun
público crítico, esixente, diverso e voraz, ávido de propostas de creación, de conversa e
participación arredor e a través da imaxe. Amantes do cinema concibido como un lugar
dende o que pensarse, verse, reflectirse e proxectarse”.

A programación da MICE 2026
Nesta edición, a MICE dedica unha retrospectiva a Maddi Barber, cun percorrido integral
por unha filmografía na que paisaxe, corpo e memoria dialogan a través de formas
cinematográficas híbridas e experimentais, e presenta o foco dedicado a Zinema Auzolanean, experiencia de cinema colectivo desenvolvida por Hiruki Filmak, que propón
unha reflexión sobre autorrepresentación, procesos comunitarios e metodoloxías de
creación compartida.

A MICE reforza de maneira especial a súa vinculación co tecido universitario, achegándose
ao público máis novo dende a experiencia do consumo cinematográfico e promovendo o
coñecemento das prácticas e olladas do cinema etnográfico. Neste marco insírense a sesión
desenvolvida en colaboración co Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación
(FACOM) e a sesión realizada xunto ao Festival Novos Cinemas, dedicada á mostra dos
traballos da súa sección Aula en colaboración coa Universidade de Vigo.

Esta liña de diálogo esténdese tamén ao labor desenvolvido polos cineclubes, entidades
fundamentais na construción de espazos de pensamento, formación de públicos e
circulación cinematográfica. A sesión Tránsitos, organizada en colaboración co Cineclube
de Compostela, consolídase como un dos espazos de intercambio máis singulares do
festival.

O festival reforza a súa dimensión como espazo de creación e investigación a través de
iniciativas como SONORA · Residencia de escoita, da que nace Redeiras de A Guarda,
presentada na sesión inaugural, e coa incorporación de Profanacións, novo territorio
dedicado á creación, investigación e acompañamento de proxectos en fases iniciais.
O traballo arredor dos procesos e da materialidade do cinema concrétase tamén no taller
intensivo de iniciación ao cinema en 16 mm, desenvolvido en colaboración coa ECAM, e na
reactivación de Carrete 36, iniciativa do colectivo artístico Ciclón que articula prácticas de
creación, rexistro e autoedición a través do formato analóxico.

O conxunto complétase cun programa de actividades que activan zonas de encontro entre
disciplinas e prácticas, consolidando un ecosistema no que proxeccións, procesos,
formación e reflexión funcionan de maneira integrada.

As seccións competitivas articulan un dos núcleos centrais da programación, configurando
un espazo de visibilización para obras que dialogan coa antropoloxía visual, o rexistro do
real e as linguaxes audiovisuais contemporáneas.

A Sección Galicia reafírmase como un espazo privilexiado para observar as múltiples
direccións do cinema galego actual. A selección desta edición debuxa un percorrido que atravesa prácticas de animación, ensaio audiovisual, cinema sensorial e propostas de forte
vinculación co territorio.

Entre as obras programadas atópase El cuerpo de cristo, de Bea Lema, presentada como
estrea en Galicia, unha peza que explora a experiencia da saúde mental e as tensións entre
crenza, percepción e institución. Xunto a ela, Alboroque, de Sabrina Fernández Casas,
propón unha lectura política e ecolóxica atravesada pola relación entre Galicia e Suíza,
mentres que Furada Negra, de Berio Molina, constrúe unha aproximación poética ás covas
como espazos de memoria, refuxio e imaxinario.

A sección complétase con A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva, retrato sensorial
da cidade da Coruña a través da música e do ritmo urbano, e La historia todavía no conoce
mi nombre, de Diana Toucedo, tamén estrea en Galicia, unha proposta que dialoga co
territorio mexicano dende unha perspectiva simbólica, identitaria e política.
O conxunto das obras —marcado pola diversidade formal e conceptual— evidencia a
vitalidade do panorama galego contemporáneo e a súa capacidade para dialogar con
contextos, problemáticas e sensibilidades actuais.

A Sección Internacional mantén o seu compromiso cun cinema sen restricións de xénero
nin formato, cunha marcada orientación antropolóxica e unha atención especial ás
prácticas máis innovadoras e arriscadas.

Nesta edición, a selección reúne obras procedentes de distintos contextos xeográficos e
culturais que expanden as formas do relato e os dispositivos de rexistro do real. Rain Does
Not Make Us Happy Anymore, de Yashasvi Juyal, sitúa a mirada nos Himalaias para explorar memoria, desaparición e territorio. Pola súa banda, Seen From Here, I Feel Like Belonging, de Emilia Auhagen-Kuoppamäki e Leon Emonds-Pool, constrúe unha reflexión sobre arquivo, ciencia e paisaxe ao longo de varias décadas.

A presenza de Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, introduce o rexistro
animado como forma de observación do territorio e das súas transformacións, mentres que
The Inhabitants, de Maureen Fazendeiro, propón unha aproximación crítica ás dinámicas de
exclusión, migración e conflito racial na Europa contemporánea.

A sección complétase con títulos como El día que tal, de Pablo Casanueva, ampliando un
mapa de propostas que dialogan co cinema etnográfico dende estéticas e dispositivos
diversos.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego