Para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra anuncia a edición de dous documentos ata agora inéditos e que reúnen un grande interese histórico, literario e artístico. Á xa prevista edición facsimilar do ‘Romance de unha fatal ocasión’, un poema que os seminaristas dedicaron a Castelao, únese a doutro romance do mesmo ano 1935 dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste. A publicación está prevista para outono deste ano, nun volume que incluirá un estudo introdutorio e un apéndice documental cunha serie de notas redactadas por Filgueira Valverde na que se recollen anécdotas das xeiras do Deza que dan o contexto necesario para entender o contido do ‘Romance de unha fatal ocasión’. Estes dous romances encádranse no contexto das “xeiras” que organizaba o Seminario de Estudos Galegos, e en concreto na do Deza.
A programación do Museo de Pontevedra polo centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos completarase con outras actividades: dúas saídas temáticas a modo de xeiras pola comarca do Deza en setembro, un ciclo de conferencias en outubro e a apertura dun espazo web para divulgar os materiais do SEG custodiados no Museo.