O muralismo e cambio social chega á UVigo con Manuel Alaníz

O muralista nicaraguano Manuel Alaníz ofrecerá este mércores 2 de novembro unha master class aberta ao público na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra. Kiko da Silva, ilustrador e monitor dos obradoiros de debuxo urbano do proxecto europeo People & Planet, será o encargado de presentar ao conferenciante, ás 19:00 horas no denominado ‘Espazo 16’. A charla, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, contará con tradución simultánea ao inglés e as persoas asistentes recibirán un ecoagasallo.

Baixo o título ‘O poder transformador da pintura mural’, Alaníz exporá como traballan na Fundación de Apoyo al Arte Creador Infantil (FUNARTE), que emprega a arte para impulsar a participación social da xente nova, facéndoa partícipe do desenvolvemento comunitario. En liña coas tendencias do artivismo, a organización centroamericana promove a arte como motor de cambio, ao tempo que as nenas, nenos e adolescentes fortalecen a súa identidade cultural e transforman espazos, favorecendo o respecto e a igualdade. A través de murais públicos colectivos, avogan ademais polo cumprimento dos seus dereitos.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de oito estados membros da UE e Cabo Verde.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido preto de 200 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego