O mellor da música emerxente galega, o 22 e 23 de setembro de balde na Estrada

O mellor da música emerxente galega darase cita este 22 e 23 de setembro na Estrada, na que será a III edición do Festival O Son dos Arrieiros. Unha ducia de grupos musicais actuarán no evento que ano tras ano se consolida para situar ao Concello da Estrada en motor dinamizador da cultura galega. Con entrada totalmente de balde para todos os públicos, polo Festival pasarán este ano os grupos Carolina Rubirosa, Guezos, Rayo Taser, DJOW, hydn, Señora Dj, Playa desmayo, Babykatze, Malandrómeda, Elba, Boyanka Kostova e Maefield.

A presentación do Festival tivo lugar hai uns días no Salón de Xuntas do Concello da Estrada. Organizado pola produtora musical dotbeat!, o evento está patrocinado pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello da Estrada. Á rolda de prensa asistiron Marta Mariño, secretaria territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia, Juan Constenla, concelleiro de Cultura do Concello da Estrada e Patricia Hermida, xerente de dotbeat!.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego