O Médico dos Pobres, un documental “creativo e esperanzador” sobre represaliados e verdugos, chega a Nós Televisión

Nós Televisión emitirá este sábado, 7 de xuño, ás 21 horas no dial 9 de R o documental ‘O Médico dos Pobres’, dirixido por Federico A. Rioboo, producido pola Asociación ‘A memoria é náufraga’, cuxa presidenta é Patricia Castro, e contando co traballo técnico de Arián Quinteiro, como operador de cámara, e o sonidista Miguel Seixo.

“O pequeniño do Incio”

O documental narra a vida de Manuel Díaz, “o pequeniño do Incio”, médico rural, deputado provincial e alcalde de O Incio. Un home que inspirou a creación dunha Asociación e unha Casa adicada á súa memoria.

Nesa casa (coñecida como Casa de Peña), Manuel Díaz permaneceu agochado durante días ata que foi apresado e fusilado. As mulleres que o axudaron foron compasivas, lúcidas e valentes, e este é o espírito que guía este filme documental.

Recala no papel anónimo de verdadeiras heroínas neses tempos de guerra e de medo a través de testimonios rescatados da tradición oral e nos propios lugares onde sucederon. O clímax do documental é a presentación desta casa como refuxio artístico dos xóvenes.

Dende o percorrido histórico de Manuel Díaz, enlazase co xerme que levará case 90 anos despois a fundar e establecer a súa sede no mesmo lugar onde foi capturado, a Asociación ‘A Memoria é náufraga’. Esta Asociación sen ánimo de lucro, formada por persoal docente, historiador, da música, medicina e do ámbito da investigación, pretende rescatar historias dos represaliados e dos verdugos da Guerra de España e da posguerra, fomentando un diálogo constructivo que mellore o noso coñecemento sobre esta etapa histórica.

Ademáis, esta Casa da Memoria ábrese á creación artística a través de residencias, abrindo as portas aos veciños do entorno rural, que tamén son merecedores dunha programación cultural e artística próxima, e poñendo un énfase especial en fomentar e divulgar o poder sanador da música para lograr o benestar social.

Xerme do documental

O fío condutor deste documental parte do libro “Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano“, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista. José Luis iniciou a investigación da vida do seu tío a raíz dunha nota manuscrita a lápis que de forma casual atopou entre documentos da familia alá polo ano 1978. Esta nota dicía: “O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manolo os Fascistas, de Laiosa ó Incio”. Fora escrita polo pai do médico asasinado, e avó de José Luis, que intuiu que a morte do seu tío estaba aínda rodeado dunha espesa néboa que, como se di no rural, desexaba que “levantase”.

Nós Televisión emitirá este documental

Polo plató de Nós Televisión, pasou tanto Patricia Castro, da asociación produtora, como o director Federico A. Riobo. Ambas partes destacan o enfoque “creativo e esperanzador” deste filme documental, envolto en simboloxía, que “emociona” e conecta ás persoas como nas orixes do cine.

2026, homenaxe a Manuel Díaz

O ano que vén, 2026, culminarán os actos en memoria de Manuel Díaz cunha homenaxe na que participarán os seus familiares afincados en México.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego