O Maré celebra o Día Europeo das Linguas cunha xornada de música e diversidade cultural en Compostela

O Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas chega este sábado 26 de setembro a unha das xornadas centrais da súa sétima edición, coincidindo co Día Europeo das Linguas. A programación pon en diálogo propostas galegas e internacionais e espalla a música por diferentes espazos da cidade, con concertos gratuítos na Praza de Mazarelos e actuacións no Teatro Principal, a Igrexa da Universidade, a Sala Capitol e outros escenarios composteláns.

Programación deste sábado

11:30h · CSC Maruxa e Coralia
Djiiva (M.O.V.E.)
Música, movemento e conexión· Brasil

M.O.V.E., acrónimo de «Mover Organicamente a túa Enerxía Vital», é un método orixinal creado por Marise Cardoso que transforma a música en directo nunha experiencia participativa de movemento, presenza e conexión de grupo.

12:30h· Igrexa da USC
Camille & Matthieu Saglio
Jazz europeo· Francia

Os irmáns Saglio debuxan neste proxecto común un espazo de encontro entre os seus ricos universos. Un novo territorio musical a percorrer xuntos a través do son polifacético do violonchelo de Matthieu e a voz magnética de Camille.

13:30h · Praza de Mazarelos
Lideira
Música de raíz galega · Galicia

O cuarteto formado por Gabi Reboredo, Lois Prado, Iago Ramilo e Sara Méndez achega unha lectura persoal e bailable da tradición oral galega, combinando ventos, percusión e voz.

14:30h · Praza de Mazarelos
Casapalma

Música tradicional cántabra – electrónica experimental · Cantabria

O proxecto explora o diálogo entre a música tradicional cántabra e a experimentación electrónica.

18h· Igrexa da USC
Faia

Música de raíz reinterpretada · Galicia

un concerto íntimo onde o repertorio tradicional dialoga coa experimentación sonora e se transforma. É unha viaxe, ou un soño: o canto da rola dende o souto de Doncos á penumbra dunha igrexa en Compostela.

18:30h · CSC Maruxa e Coralia
María Marín

Flamenco · Sevilla

Cantaora, guitarrista e compositora de Utrera, é unha das voces máis singulares do flamenco actual. Destaca por combinar o dominio do toque clásico e o cante dende unha mirada profundamente persoal.

19h · Auditorio de Galicia
Antonio Zambujo

Fado · Portugal

Unha das voces máis recoñecidas da música popular portuguesa chega ao Maré como protagonista de Maré Recomenda, nun concerto que achega ao festival o fado e a canción portuguesa contemporánea.

20h· Teatro Principal
ALA.NI

Jazz minimalista· Inglaterra

A artista británica presenta o seu particular universo de jazz minimalista, marcado por unha voz atemporal e por unha proposta que conecta tradición e modernidade.

21h · Praza de Mazarelos

Shooglenifty

Celtic fusion e folk rock · Escocia

A formación escocesa achega a súa particular mestura de música celta, folk e rock.

22:15h · Praza de Mazarelos

Jupiter & Okwess

Afrorock· República Democrática do Congo

O proxecto liderado por Jupiter Bokondji combina funk, rock, jazz e ritmos tradicionais congoleses nunha proposta de grande forza rítmica.

23h · Sala Capitol

Cuba canta en Maré

Son cubano & jazz· Cuba-Galicia

Alejandro Vargas Trío e Reynier Aldana estarán acompañados por Lindiana Murphy, Frank Delgado, David Álvarez, Loidis Taboada, Wöyza e Rafael Briseño nun encontro que percorre diferentes paisaxes da música cubana e da súa diáspora en Galicia, con presenza do jazz, a salsa e o son cubano. Produción propia do festival.

23:45h · Praza de Mazarelos

Djiiva

Dj · Brasil

Unha mestura electrizante de ritmos brasileiros, africanos, latinos, funk e electrónicos. Unha paisaxe sonora creada para facer da pista de baile unha celebración sen fronteiras.

01h · Casa das Crechas

DJ Mil

Dj · Galicia

Funk, disco, world music e ata música popular galega é o que nos presenta este emblemático deejay compostelán. As súas actuacións están cheas de enerxía contaxiosa, músicas e universos sonoros únicos con toda a arte dos que saben e aprenderon nas rúas da vella escola.

A programación do sábado percorre así diferentes linguas, tradicións e formas de entender a música, desde a creación galega de raíz ata o jazz, o folk, a música electrónica, o fado, as músicas africanas e a tradición cubana.

A xornada do Día Europeo das Linguas pon especialmente de relevo unha das principais vocacións de Maré: crear espazos de encontro entre territorios e comunidades e favorecer o diálogo entre diferentes formas de expresión cultural.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego