Máis de 90 funcións gratuítas de medio centos de artistas que veñen de Galiza e Portugal conformará a duodécima edición do Festival Atlántica que vén de ser presentado en Compostela da directora de Altántica, Soledad Felloza. Por parte do Concello de Santiago, falaba a Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, tamén asistía á presentación do Festival. Ademais, tamén acudiu ao evento Evelyne López Mussons, coordinadora de Atlántica en Portugal, e numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.
Na súa intervención, a deputada destacaba o seu pracer á hora de colaborar en proxectos coma este.
Como en edicións previas, Atlántica vai chegar ás grandes cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol, mais tamén a concellos de tamaño medio como Ribeira, Vilalba, Caldas de Reis, Betanzos ou Teo, e a concellos do rural como Pazos de Borbén, Dodro, Alfoz, Cuntis e Outes, entre outros.
Escaparate das múltiples oralidades
Mais Atlántica 2024 non esquece a súa función reivindicadora da narración oral como disciplina artística, ben sexa coa programación de propostas de La Chana Teatro como a montaxe Pisando el llano, espectáculo inaugural, ou a singular Blancanieves, na que todas as personaxes son lámpadas, peza multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil e xuvenil.
Haberá tamén espazo para as estreas Contar para vivilo, de Cándido Pazó, Contos de revolución. Entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco, Contos, cantos e outros tantos, da portuguesa Ana Sofía Paiva e as Lendas suburbanas de Quico Cadaval.
Tamén seguirá a aposta polos contos de terras afastadas e bañadas por outros mares, como as historias de fino humor de Yoshi Hioki e tamén pola potencia narrativa da terra e da que é bo exemplo o Premio Nacional Paula Carballeira.
Contar o territorio
Non podía faltar nesta edición un dos formatos que acompaña a Atlántica dende o primeiro ano: os roteiros narrados. A colaboración con axentes locais expertos permite amosar o poder das historias como xeito de transmitir e dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial.
Este ano haberá en Santiago unha ruta en bicicleta polos castros da bisbarra e mais un percorrido polo petróglifos da Devesa da Rula e polo románico do rural. Reivindicarase tamén o legado da Igrexa de Vilar de Donas da man de Carola Casal e Carme Varela con 800 anos das Giocondas galegas, Guillermo Llorca guiará pola escultura urbana de Ferrol e José María Eguileta paseará pola evolución urbana de Ourense, por citar algunhas das doce actividades programadas.
Festival miúdo
Entre o 14 e o 22 de xuño haberá un programa especial concibido para o público infantil de centros de ensino de Santiago, Brión e Pazos de Borbén. Tamén están previstas funcións na Biblioteca Ánxel Casal e mais no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Alén diso, entre o 1 e o 7 de xullo, Atlántica inclúe unha grande oferta para a cativada e as súas familias que se pode consultar, co resto da programación, na web festivalatlantica.gal.