A décima edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 26 de outubro ás 19.00 h nun evento no que van participan nesta ocasión Bernardo Penabade, Sole Felloza, José Manuel Menéndez, Illa Bufarda e Rodri Míguez e no que conducirá o acto María da Pontragha e contará coa actuación musical de Nadie González.
Intervencións para o futuro da lingua
As persoas convidadas á décima edición do LGx15 son: Bernardo Penabade, mestre e dinamizador cultural, abordará desde a súa experiencia como educador a necesidade de mantermos o galego con persoas de fóra; a actriz, narradora e dramaturga Sole Felloza vén cambiar a perspectiva dos agradecementos na súa relación coa nosa lingua; José Manuel Menéndez, guía de montaña e traballador no ámbito cultural, mostraranos a relación entre linguas e o medio natural, as integrantes da produtora audiovisual Illa Bufarda explicarannos as súas experiencias e filosofía de traballo en relación co noso idioma e Rodri Míguez, xornalista musical, faranos propostas para mellorar o coñecemento e o consumo da música en galego.
Conducirá o evento a educadora e contadora de historias María da Pontragha, e para a actuación musical contaremos coa proposta de hip hop de Nadie González.
Entradas
As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles. Están á venda en liña na billeteira electrónica de Eventbrite.
Espallamos ideas para mellorar o futuro da lingua
Como nas anteriores edicións do LGx15, as intervencións serán gravadas e posteriormente difundidas a través da rede, pois o principal obxectivo deste proxecto é que as ideas, propostas e experiencias cheguen ao maior número de persoas posible. Os 57 vídeos das intervencións das nove edicións anteriores poden verse no web do LGx15 e en YouTube (2015, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021, 2022 e 2023).
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.