O III Congreso As Outras Protagonistas da Transición chega á cidade da Coruña este venres, 30 de setembro. O evento, que terá lugar no Centro Universitario de Riazor (CUR), desenvolverase ata o sábado 1 de outubro. O congreso, organizado pola Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña (UDC), busca pór en valor aqueles movementos e proxectos colectivos que encararon a ditadura franquista desde Galiza en favor da democracia, realidade sen a que o proceso de transición do franquismo cara á democracia non tería sido posíbel (cando menos tal e como foi, malia as continuidades que seguíu proxectando a realidade ditatorial após 1975…).
O programa do III Congreso As outras protagonistas da Transición está composto por seis mesas: “A Transición e os partidos políticos na Galiza”; “Movementos sociais na Galiza do tardofranquismo e da Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo”; “Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición”; “Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición”; “O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición” e “O Tribunal de Orde Pública (TOP), “o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición”.
Xunto ás ponencias, presentaranse vinte comunicacións da autoría de investigadores e investigadoras de varios puntos do Estado español, así como de Universidades de fóra de Europa. Así mesmo, habilitouse media hora entre bloques temáticos para desenvolver coloquios, nos que sobre todo participen as persoas que asistan ao encontro, para alén das e dos ponentes, presentando testemuños, análise e interpretacións das realidades expostas (e vividas).
As Outras Protagonistas da Transición
O primeiro encontro realizouse en Madrid no ano 2017, promovido e organizado pola Fundación Salvador Seguí, coa colaboración da Universidad Complutense de Madrid e a International Oral History Association; e o segundo encontro realizouse no ano 2019 en Barcelona, da man da Fundación Salvador Seguí, o Ateneu Popular 9Barris, o Centre d’Estudis sobre Movimentos Socials e o Centre d’Estudis sobre Dictadures i Democràcies. Nesta terceira edición, a devandita iniciativa conta coa colaboración do Instituto Galego de Historia, Murguía, Revista Galega de Historia, a Fundación Salvador Seguí e o Centre d’Estudis sobre Dictadures i Democràcies.
O III Congreso As Outras Protagonistas da Transición desenvolverase no Centro Universitario de Riazor (CUR) e a entrada será libre até que se cubra o aforo disponíbel. Mais prégase que as persoas interesadas en asistir ao encontro se inscriban (gratuitamente) a través do seguinte formulario -se lle dera problemas o formulario, escríbanos/escríbenos para inscribirse a congresos@catedramemoriahistorica-udc.gal-: