A ilusión e orgullo de centro marcou a rolda de prensa na que catro alumnas e alumnos presentaron a I Semana Intercultural do IES do Milladoiro, que está a vivir un cambio profundo desde a renovación do equipo directivo realizada neste curso.
O IES do Milladoiro, que conta con 550 alumnos e alumnas de 21 nacionalidades diferentes, saca fachenda da súa diversidade co lema “Somos Diferentes, Somos Referentes” que marca esta semana de actividades que terá lugar do 19 ao 23 de maio.
Ao acto acudiu alumnado do IES do Milladoiro; o director do IES do Milladoiro, Manolo Maseda; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto; a xerente da EPEL Augas de Ames, Genma Otero, e representantes da ANPA do Milladoiro.
Programación
Ao longo de toda a vindeira semana, o IES do Milladoiro acollerá un total de 21 actividades que abranguen múltiples temáticas e disciplinas, dende o teatro, a cociña ou a música, ata a danza, exposicións, programas de radio ou obradoiros de regueifa.
As programación dará comezo o luns, día 19, e pecharanse o venres, día 23, co xantar solidario. Ao longo de cada xornada, desenvolveranse diversas actividades en cada franxa horaria e cada aula estará a participar nunha delas.
Unha das disciplinas artísticas que inclúe o programa é o teatro, pois levarase a cabo a representación de “De Ida e Volta” con Cris de Caldas, realizarase un obradoiro de Teatro Inclusivo da man de Fran Rei e tamén o Teatro Intercentros, que contará coa colaboración do IES Antonio Fraguas. Continuando coa temática artística, haberá un oco para a música, cos concertos de artistas como Mondra, Guadi Galego, Uxía, Pandeireteiras da Costaneira, Euterpe e os Festicultores.
Por outra banda, tamén haberá exposicións fotográficas ou de pintura. Así mesmo, terán lugar unhas presentacións literarias nas que as protagonistas serán mulleres que, ademais de compartir as súas obras, amosarán as súas experiencias e realidades de vida migrante.
O mundo do audiovisual terá a súa acollida na semana intercultural coa celebración de varios obradoiros e encontros relacionados con este ámbito. Entre eles, a proxección do filme documental de Nós Televisión BRAVÚ XXX coa presentación de Xurxo Souto.
Na mesma liña, haberá outros talleres que axudarán a achegarlle ao alumnado a situación das crises humanitarias e o papel fundamental da solidariedade na nosa sociedade.
Noutro eido, haberá actividades relacionadas coa radio, a ciencia, deportes, danza, espectáculo de circo, faladoiros interculturais e interxeracionais ou actividades relacionadas co ecoloxismo. En conclusión, toda a comunidade educativa do IES do Milladoiro poderá gozar ao longo da vindeira semana dunhas xornadas diferentes nas que, ademais de pasalo ben, poderán aprender dun xeito diferente e traballar valores tan importantes e necesarios na súa formación educativa coma o respecto e a inclusión, entre outros.
1º Gala Intercultural: “Somos Diferentes, Somos Referentes”
Unha das actividades máis importantes dentro da programación da semana intercultural será a celebración da 1º Gala Intercultural: Somos Diferentes, Somos Referentes, un acto que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o vindeiro xoves, día 22, a partir das 10.50 horas.
Neste acto realizarase a entrega de dous galardóns a persoas referentes pola súa traxectoria en prol da solidariedade, a tolerancia e a posta en valor da diversidade como son Ruí Sío Domínguez (María Fumaça) e Martín Mondragón Rivadulla (Mondra).
Ademais da entrega de premios, este acto, que estará presentado polo propio alumnado, serve para poñer en valor o traballo en rede que se está a facer dende o centro educativo, apostando por unha educación máis inclusiva e cooperativa, xunto co recoñecemento do labor das persoas que loitan no seu día a día por construír unha sociedade máis inclusiva.
Xantar solidario
Xunto coa gala, outro dos eixos centrais da programación é o xantar solidario que, de feito, poñerá o peche a esta gran semana intercultural o vindeiro venres 23. Así mesmo, a partir das 13.00 horas, o Anfiteatro do Milladoiro acollerá o concerto dos Festicultores. O xantar solidario dará comezo a partir das 14.45 horas e é un acto aberto a toda a comunidade educativa. Ao rematar o cantar, terá lugar unha actuación do Mago Senín.
Este evento solidario contará coas creacións de recoñecidos cociñeiros como Manel Oliveira, Kike Piñeiro, Juan José Mariño e Alejandro Loimil. O obxectivo deste xantar é recadar fondos para o tratamento dun alumno do IES do Milladoiro. Haberá 100 bonos para poder asistir á comida, que terán un custo de 15 euros para adultos e de 10 euros para crianzas. O importe íntegro do xantar irá destinado á causa solidaria. Ademais, habilitarase unha Fila Cero para quen desexe realizar un donativo.



