O goberno de Santiago cumpre un ano coa vista posta en transformar de forma radical o concello

Santiago cumpre un ano desde que se asinou o acordo de goberno entre o BNG e Compostela Aberta que lle deu a alcaldía por primeira vez a unha muller, nacionalista, e feminista, Goretti Sanmartín. Nun almorzo informativo que tivo lugar este luns no Auditorio de Galicia con todos os membros do goberno, tanto a propia Sanmartín como a tenente de alcalde, María Rozas, destacaron que durante este tempo quedou demostrado que a pesar de ser forzas políticas diferentes, son “un único goberno” que se pon de acordo a favor de facer unha cidade que non se converta nun parque temático turístico senón na que as persoas poidan vivir e ser máis felices.

Coincidindo co primeiro aniversario do goberno, o executivo local aprobou este luns a paralización durante 1 ano das licenzas e comunicacións previas para poder abrir no casco histórico de Santiago novos comercios e negocios que teñan que ver directamente co turismo, coa intención de facer un estudo que marque as prioridades e directrices para impulsar o comercio local e que a xente que queira vivir en Santiago teña servizos para poder facelo con calidade de vida.

É unha das medidas encamiñadas a facer de Compostela unha cidade cunha transformación radical, como dixo a alcaldesa, que definiu este goberno como un “goberno que está polas utopías”.

María Rozas, en liña coa alcaldesa, dixo non conformarse co feito durante este ano e defendeu a necesidade de apostar por novas medidas para que este sexa o “mandato do social”. “No 2027 Santiago ten que ser unha cidade máis xusta”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego