O Galegote Rock volverá reunir á diversidade da música galega en Pontevedra

A lingua galega enche a programación cultural do mes de maio que, en Pontevedra, colle forma de festival de música co Galegote Rock que dispón dun coidado especial por incluir a diversidade de xéneros xunto con música destinada a públicos de diferentes idades. O festival promovido polo concello de Pontevedra celebrarase o venres 5 de maio e o sábado 6 de maio. A primeira xornada funcionará como unha gran presentación do que estará por vir ao día seguinte. A xornada do sábado será un día intenso e sen parada, cheo de música en diferentes espazos. Toda a programación é de balde.

“A música galega está a vivir un proceso de rexeneración”

O edil de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, sinalou que o obxectivo desta proposta cultural e de ocio é dar a coñecer a ampla variedade musical “que temos en galego en todo país e, especialmente, en Pontevedra”. «”Temos novas bandas, novos estilos… A música galega está a vivir un proceso de rexeneración e cada vez máis xente se achega a ela. Sobran exemplos nos últimos anos. Queremos promover a transmisión da lingua ás novas xeracións”.

Nese sentido, este ano será instalado nos xardíns do Doutor Marescot un escenario de carácter infantil e xuvenil, por onde pasarán bandas enfocadas a este tipo de público, con propostas como Pakolas, Mamá Cabra ou o propio concerto especial de Xeración Sónica.

“Haberá bandas saídas do Local de Música e haberá grupos que están a recibir moitísima atención polo país adiante”, indicou o edil.”Esta é unha aposta firme por programar música galega de calidade, poñendo en valor o noso idioma, e por axudar a que as bandas sigan a moverse polo resto das salas, creando un circuíto de seu, e os festivais máis grandes comecen a contar con músicos e músicas que fan cancións en galego”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego