O Galegote Rock encherá Pontevedra de música en galego para celebrar a décima edición do festival

Pontevedra acollerá este 28, 29 e 30 de abril a décima edición do Galegote Rock, o festival promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e que aposta pola música de calidade do país.

Logo de dous anos de pandemia, o concelleiro de Normalización Lingüística apunta que esta edición se celebrará “coa xente de pé e nos bares”. Alberte Oubiña destaca que o Galegote Rock é unha “aposta pola dinamización da cidade, dos locais e para pór en valor a nosa lingua nos circuítos comerciais, nos bares e nas salas onde a lingua galega ten cabida e ademais ten éxito”.

Deste xeito, o festival volve ás prazas, rúas, xardíns e locais con forza con artistas como a banda Ruxe Ruxe, High Paw, Grampoder ou Berto. Destaca ademais a participación de Xeración Sónica, proxecto musical da Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra no que participa a rapazada de 13 a 16 anos. “Xuntaranse diversos estilos musicais para pór en valor o que facemos aquí”, sostén Oubiña que chama a recuperar o ‘espírito Xabarín’ para “berrar con orgullo que a nosa lingua é nosa”. Xa podes ver aquí o cartaz destas festas que, unha vez máis, encherán a cidade de música galega e en galego.

 

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego