“O galego no ámbito empresarial e comercial nunca é unha traba”

“O galego no ámbito empresarial e comercial nunca é unha traba, senón que sempre suma”, sinala a concelleira de Normalización Lingüística do concello de Ames, Escarlata Pampín. Mais, por desgraza, o uso da nosa lingua neste sector continúa a ser minoritario. Por esta razón, o Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza a quinta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito empresarial local.

Todas as empresas con sede social ou centro de actividade en Ames poden optar a este galardón e formalizar as súas candidaturas antes do 18 de novembro. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón, e a ficha de inscrición aquí.

A técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, afirma que se trata dunha iniciativa que pretende poñer en valor o potencial do galego como elemento diferenciador e de marca de calidade entre empresas: “os obxectivos principais desta convocatoria son visibilizar os beneficios que lle achega o uso do galego á oferta empresarial e recoñecer empresas que xa están a ter presente a lingua na súa comunicación para que sirvan de referente para outras”

Lois Lopez, presidente de Hostalaria.gal, salientou que “aínda que o galego xa está moi normalizado no sector empresarial, aínda non o está todo o que quixéramos. Estamos seguros de que, con estas campañas de concienciación e co traballo dos concellos, como se fai aquí en Ames, lograremos avanzar en pouco tempo moito máis”.

Pola súa parte, Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), tamén animou aos negocios do concello a participar no certame, destacando que “é un motivo de ledicia e satisfacción para quen leva o premio”, ademais de “non supoñer ningún esforzo supletorio para quen se presenta”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego