O Festival Internacional Galicreques que se celebra en Compostela até o domingo 16 de outubro, contará este xoves cun programa que inclúe seis funciones, un obradoiro formativo e unha mesa redonda sobre o xénero dos monicreques.
No ‘Teatro de monicreques, a debate‘ , que terá lugar na carpa da Alameda ás 13 horas, abordarase o futuro deste xénero, así como a situación actual e as complicacións ás que se enfrontan.
Máis funcións
A actividade do xoves comezara ás 12.oo h coa compañía uruguaia Coriolis. A formación actuará na Fundación SGAE con Trapos, montaxe que reflicte con monicreques de mesa a relación de tres velliños que sentan no banco dunha praza e que comezan a vivir diferentes conflitos ao longo dunha mesa tarde.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 h, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá o obradoiro para adultos, Do movemento ao monicreque. Trátase dunha formación que imparten dúas integrantes da compañía Nauta: Raquel Garabal e Pilar Pingarrón. Para participar, cómpre a inscrición previa.
O Centro Socio Cultural da Trisca contará ás 18.30 horas cos arxentinos de El Telón, que representarán De marineros y piratas. Á mesma hora, no Centro Sociocultural do Ensanche, a compañía Tres Tigres representarán a súa montaxe Los sueños de Trucas.
A carpa da Alameda ofrecerá dúas funcións pola tarde. A primeira delas será ás 18.30 h. e correrá a cargo de Luis Vallecillo, quen mesturará narración oral e música na súa obra A linguaxe perdida. Ás 21.30 horas, e dentro da programación para adultos Cara BÉ, a Carpa da Alameda recibirá a compañía italiana Kharabat, que representará o seu espectáculo homónimo.
A compañía uruguaia de Coriolis completará a programación deste xoves intenso ao representar -—tamén dentro dos marcos da sección do Cara Bé—, a súa obra pensada para o público adulto Pasos Largos. Cómpre lembrar que esta peza é unha das cinco inéditas en Europa que chegan da man do Galicreques 2022.