O filme ‘Saber Galiza. Seminario de Estudos Galegos’ chega este venres a Corcubión

O concello de Corcubión acollerá este venres a proxección do filme documental ‘Saber Galiza. Seminario de Estudos Galegos‘ realizado por Nós Televisión e dirixido por Cristina de la Torre. A peza audiovisual, que se poderá ver na Casa da Cultura de Corcubión ás 20 horas, atópase dentro da xira do ‘Outono das Artes‘, que organiza a Deputación da Coruña, co que espalla cultura galega e en galego ao longo da provincia.

Xira ‘Saber Galiza’

O filme xa pasou polos concellos de Melide, Arteixo, Pontedeume, Betanzos e en Val do Dubra, onde se proxectou para o alumnado do CPI de Bembibre. Agora será a quenda da Casa da Cultura Plácido Castro de Corcubión. A semana que vén, o filme viaxará ao concello de Brión onde se proxectará na Sala Municipal de Exposicións, o 29 de outubro ás 20 horas, Mazaricos contará cun pase na Casa da Cultura o 6 de novembro ás 12 horas e en Rianxo, no Auditorio na Sala Arcos Moldes, o 27 de novembro ás 21 horas.

A revolución da cultura e ciencia galegas

‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos‘ é un documental que recupera a historia e o legado dunha das institucións fundamentais da cultura galega do século XX. A través de testemuños de especialistas, documentación histórica e a participación de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, o filme percorre a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos, pioneiro na investigación científica e humanística sobre Galicia. Unha proposta divulgativa que invita a redescubrir unha experiencia colectiva decisiva para comprender a historia, a lingua e a identidade do país.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego