Os concellos de Melide e de Arteixo xa acolleron a presentación do filme documental ‘Saber Galiza. Seminario de Estudos Galegos‘, producido por Nós Televisión e dirixido por Cristina de la Torre, dentro do ciclo ‘Outono das Artes‘ da Deputación da Coruña. A presentación do filme contou coa presenza dun coloquio coa directora.

A seguinte cita que lle agarda ao documental será o concello de Val do Dubra a onde chegará o vindeiro venres, 9 de outubro, ás 11.10 horas na Biblioteca do CPI de Bembibre, e Pontedeume onde se proxectará ás 20 horas na Casa da Cultura.
A revolución da cultura e ciencia galegas
‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos‘ é un documental que recupera a historia e o legado dunha das institucións fundamentais da cultura galega do século XX. A través de testemuños de especialistas, documentación histórica e a participación de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, o filme percorre a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos, pioneiro na investigación científica e humanística sobre Galicia. Unha proposta divulgativa que invita a redescubrir unha experiencia colectiva decisiva para comprender a historia, a lingua e a identidade do país.




