O filme ‘Matria’ achégase aos 25 mil espectadores e anuncia a súa chegada aos concellos onde non hai cines

Non hai obstáculos para o avance de ‘Matria’ no país. A ópera prima de Álvaro Gago chegará tamén aos concellos que non contan con salas de cinema como é Ames, a Illa de Arousa, As Pontes, Nigrán e Meis.

O filme rematará a súa segunda semana na carteleira rozando os 25.000 espectadores e os 150.000 € de recadación, segundo datos de ComScore Spain. O filme mantense en carteleira en 27 pantallas de toda Galicia e en 49 no conxunto do Estado.

A longametraxe que protagoniza María Vázquez amplía ademais a súa rede de distribución a auditorios e casas de cultura, co obxectivo de facer chegar o cinema de estrea a localidades onde apenas hai oferta de salas comerciais. Así, para os vindeiros días están confirmadas as seguintes proxeccións, para as que xa se poden adquirir entradas a través de Cine na Rúa.

A Illa de Arousa. 8 de abril. Auditorio Municipal, 20h.
As Pontes. 8 de abril. Casa Dopeso. 19:30h e 22h.
As Pontes. 9 de abril. Casa Dopeso. 19:30h.
Ames. 11 de abril. Casa da Cultura do Milladoiro. 20h.
Nigrán. 16 de abril. Auditorio Municipal. 20h.
Meis. 22 de abril. Auditorio de Mosteiro. 20h.

Ademais, Matria segue sendo a película máis vista en cinemas coma Cantones Cines da Coruña, NUMAX e Multicines Compostela de Santiago, Multicines Norte de Vigo, Cinema Codex e Cinemas Cristal de Lugo, Duplex Cinema de Ferrol, Minicines Central da Estrada ou Cines Viveiro.

Matria conta cunha espectacular María Vázquez

Matria conta a historia de Ramona, unha muller que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.

María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.

Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego